Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SKANDALOGZ, PREMIO DO PÚBLICO DO 'A POLO GHIT'

"A maior parte das cancións que se escoitan por aí non falan de Galiza, non falan de nada próximo"

O seu 'Licor Café' foi a canción favorita dos lectores de Vieiros. A banda de Ponteareas, cunha maqueta na man, prepara unha xira polos centros sociais.

Marcos S. Pérez - 11:00 19/08/2008

Polo gordo dun pelo, pero vitoria ao cabo. O licor café de SkandaloGZ derrotou no sprint final aos dous amigos de Roger de Flor, converténdose na canción escollida polos lectores de Vieiros. Canción do verán ou do inverno, que o licor non sabe de estacións, o tema deu a coñecer en todo o país a esta banda de Ponteareas. SkandaloGZ ten unha maqueta con dez cancións que xa comezou a distibuír, sobre todo polo Condado, e que moi logo estará dispoñíbel nos centros sociais do país, por onde ademais realizarán unha xira a partir de outubro. Antes, este vindeiro venres, actuarán en Cortegada.



Parece que o licor café é xa unha constante na música galega dos últimos anos. Está nas letras de moitas cancións porque tamén é a orixe de moitos temas?

Nós fixemos esta canción porque o licor café é un produto típico, da terra; é unha canción que fala de algo de aquí. Hai moitas cancións que non falan de Galiza, non falan de nada próximo. Falo por exemplo da maior parte das que se presentaron este ano a A Polo Ghit; por exemplo a que gañou, a de Boy Elliott: musicalmente está ben, pero é unha canción de amor, unha canción pop, non fala de nada; iso non nos interesa. Ou a de Jabón Blue: é o himno dun club deles, non fala dos problemas da xente.

Vós definídevos como un grupo obreiro, que fai música para as clases populares...
Si, temos unha maqueta con dez cancións. Aí hai temas que falan dos accidentes no posto de traballo, da memoria histórica, das persoas que escaparon ao monte no 36, dos mortos na guerra e na represión franquista. Para nós a música non é un espectáculo, é unha forma de informar, para que as novas xeracións, os rapaces de 18 ou vinte anos non perdan o coñecemento do que aquí pasou, do que aquí se sufriu.

Polo que escoitei, esa maqueta non reflite a formación actual da banda, á que incorporastes dous instrumentos de vento. Pensades regravalas?
Si, agora temos trompeta e trombón, que axudan a que as cancións sexan máis alegres, e máis bailábeis. Cando teñamos oportunidade si que nos gustaría gravalas de novo, aínda que os ventos en realidade non están en todas as cancións.

Como é o ambiente musical en Ponteareas?
Aquí tira máis o metal. Hai algún grupo de pop e de punk, pero aínda estamos empezando. Sobre todo dende que abriu o Centro Social Manuel González Fresco, onde paramos varios grupos.

É alí onde ensaiades?
Non, o local de ensaio construímolo nós, con outros grupos, nunha leira. O Concello de Ponteareas non axuda nada aos grupos: non organizan festivais ou concertos, e aínda que hai un local de ensaio, é moi difícil conseguir un sitio. Así pois, entre algunha xente erguemos catro paredes.

Ten boa acústica?
Aínda non acabamos de acondicionala, pero polo menos temos un lugar no que tocar, e no que deixar os instrumentos sen que nolos rouben.

Estades tamén na semifinal do Nsaio no Camiño; outro escaparate para darvos a coñecer...
Si, ser seleccionados entre máis de 150 maquetas foi xa unha gran noticia, pero gañar o concurso sería importantísimo para consolidar o grupo. Por iso estamos preparando moi ben ese concerto.

E despois, xira?
Si, a partir de outubro comezaremos unha xira que nos levará a tocar, en doce meses, por doce centros sociais de todo o país.


3,47/5 (17 votos)


Comentarios (10)

GustavoHarvey #1 19/Agosto/2008 GustavoHarvey
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

?

carraxe #2 19/Agosto/2008 carraxe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Machiño, un pouco máis de humildade, para empezar. A min -e a moitas e moitos- interésanos bastante máis boas cancións que en galego falen da nosas vidas (amor, desamor, problemas, política, ...) que malas cancións que nos queiran adoctrinar. Galiza xa pasou a fase de ter grupos que musicalmente non eran malos pero tiñan letras malas e panfletarias. No voso caso, nin tan sequera a música me parece boa. De verdade lestes o que cantades?
O dito, chaval, máis humildade e que vos vaia ben a xira polos centros sociais.

Ossorio #3 19/Agosto/2008 Ossorio
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Pero por favor!! miñas xoias, onde ides así???

mary #4 20/Agosto/2008 mary
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Como se fose máis importante un licor café que un clube de modestos de futebol, ou que o amor, mesmamente... :(

Tino #5 20/Agosto/2008 Tino
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Realmente era a miña favorita xunto co Arroz con chícharos.
A vosa é a canción do verán; a dos Boy Elliot é a canción do festival.
Coido q a dirección do evento ApoloGhit deberia decidir se keren elixir unha canción do verán ou unha canción para representar a Galiza nese festival.

carraxe #6 20/Agosto/2008 carraxe
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

As rapazas pidenlle baile os rapaces
Bailemos un vals
Un dia pola mañan pareime a pensar
Tiña que facer licor licor
Para me quentar
Xuntei azucre e café café
E moita augardente vinte dias de repouso
Sabra que te cajas
Revolve que te revolve e logo a beber
Vou de camiño cara a bodega
E temos augardente de herbas tamen hai branca
E viño tinto pero eu busco unha botella nejra
Do licor café do licor café do licor café

Insisto? Alguén leu esta letra? Menos mal que no xúri tiveron bo gusto musical e menos mal que quen vai a Laponia non este "grupo obreiro que fai música para as clases populares". Claro que o mellor son as súas declaracións.

"Nós fixemos esta canción porque o licor café é un produto típico, da terra; é unha canción que fala de algo de aquí. Hai moitas cancións que non falan de Galiza, non falan de nada próximo. Falo por exemplo da maior parte das que se presentaron este ano a A Polo Ghit; por exemplo a que gañou, a de Boy Elliott: musicalmente está ben, pero é unha canción de amor, unha canción pop, non fala de nada; iso non nos interesa."

En serio, é unha coña? Hai cámara oculta?

abretedeorellas #7 26/Agosto/2008 abretedeorellas
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

O importante é que en galego se fale de todo e, se ñé con cualidade, mellor. E non me refiro a variedades dialectais.
Sinceramente, a canción de Skándalo GZ resultábame pobrísima no musical e no textual. Como canción do verán, é dicir, pegadiza, letra facilmente dixerible, cun chisco de graza ... prefiro o "Arroz" da Banda Potemkin ou "Os dous amigos" de Roger de Flor.
Concordo con "Tino" na diferenciación entre a canción do verán e a representación no festi.

fonso #8 28/Agosto/2008 fonso
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

dicide que si SKandalo GZ, o importante e informar a clase obreira e que a xente se entere do que hai, o que cantades son inxustizas que pasan na Galiza e que son certas, ainda que haia xente de clase media- alta que non se quere enterar, de todas formas as criticas son boas e seguro que vos aprenderedes delas, pero non cambiedes e "Seguide loitando" un saúdo

Mariachiceive #9 1/Setembro/2008 Mariachiceive
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Moi ben o koncerto de Ribadeo seguide así rapaces.

elnotax #10 1/Setembro/2008 elnotax
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

Concertazo en Ribadeo con felicitacions de Boikot, foi a reostia

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete