Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
GUERRA NO CÁUCASO

Morre un xornalista holandés vítima dos ataques rusos en Xeorxia

Un bombardeo ruso sobre a cidade xeorxiana de Gori deixou catro mortos, un deles un cámara da cadea televisiva RTL.

Redacción - 12:00 13/08/2008

Gori, a vila natal de Josef Stalin, ao norte de Xeorxia, foi o escenario dos últimos bombardeos rusos sobre Xeorxia. Minutos antes do anuncio do líder ruso sobre o remate das operacións militares, o primeiro ministro xeorxiano, Vladímir Gurguenidze denunciou que a aviación rusa viña de retomar os seus ataques sobre a cidade de Gori. O saldo foi a morte de catro persoas, entre elas, un novo xornalista morto en conflicto bélico: Stan Stomrimans, de 39 anos. Ademais, o reporteiro que o acompañaba resultou ferido de gravidade. Esta morte eleva xa a cinco o número de xornalistas e colaboradores de diferentes medios de comunicación que morreron nesta guerra dende o inicio dos combates en Osetia do Sur a pasada semana.

Malia que todo apunta a Rusia como responsable deste ataque, o xeneral Anatoli Nogovitsin (número dous do Estado Maior ruso) xa negou dende Moscú que o seu exército levase a cabo este bombardeo. Mentres, as imaxes do ataque están a ser retransmitidas polas televisións de todo o mundo. Reproducimos un vídeo tomado polos xornalistas de Reuters que cruzaron nun vehículo a avenida principal da cidade, poucos minutos despois do ataque, tomando imaxes do caos posterior. Nas imaxes pódese ver un convoi de turismos saíndo a toda velocidade de Gori e mesmo se poden oir os gritos dos seus ocupantes berrando "¡estannos bombardeando!". Ademais, os propios reporteiros informaron que tamén viron catro explosións nas aforas da cidade, aínda que non poden asegurar se foron causadas por bombardeos ou pola artillería.

Información perigosa
Esta morte súmase ás ocorridas no día anterior de Grigol Chikhladze, director de Alania TV e corresponsal de Russian Newsweek, e Alexander Klimchuk, director da axencia Caucasus Press Images. Presumiblemente ambos atoparon a morte da man dus rebeldes secesionistas, en Osetia do Sur. Ademais, tamén en Gori un obús alcanzou o vehículo no que viaxaba un corresponsal xeorxiano e o seu chófer. Tamén un xornalista grego resultou ferido e foi evactuado a Tbilisi, ao igual que outros profesionais holandeses e un israelí, segundo denuncia Reporteiros sen fronteiras. Este colectivo esixe que se respecte o traballo da prensa e que non se convirta aos medios de comunicación en obxectivos desta guerra.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: