Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi

Fronte común diante da euro-reforma que ameaza a vertebración do rural

O mantemento das cotas leiteiras é unha das reclamacións asinadas conxuntamente polos conselleiros do sector, que agoiran un novo pau ás explotacións familiares coa reforma agrícola da UE.

Redacción - 18:30 04/08/2008
Alfredo Suárez Canal, conselleiro do Medio Rural

Alfredo Suárez Canal, conselleiro do Medio Rural

O abandono da actividade agraria, crecente nos últimos anos en numerosas áreas do rural europeo e tamén en Galiza, implica impactos económicos, ambientais e, ao cabo, un pau á vitalidade das zonas onde labregos ou gandeiros desenvolvían a súa actividade. Esa é unha das reflexións das que parte a xuntanza que este luns tiveron en Compostela os respectivos conselleiros da área de Medio Rural de Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi. Partindo das similitudes e "afinidades" de modelos produtivos onde ten un peso importante a agricultura, os catro gobernos quixeron unir voz diante do escenario que a nivel da Unión Europea debuxa a reforma da Política Agrícola Común (PAC). A estratexia sobre a que coinciden os catro executivos, inclúe a vontade de articular medidas que eviten ese abandono da actividade agraria conscientes da dificultade para a reactivación unha vez que as zonas produtivas desaparecen.

"Hase de garantir a preservación do noso modelo propio de agricultura e responder ás necesidades de adaptación que vai requirir este sector máis aló do 2013", sinalan no documento conxunto asinado. Segundo o conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, Alfredo Suárez Canal, trátase dunha voz conxunta que "debera ter moito peso no Estado", xa que Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi suman o 80% do total dos gandeiros e labregos no conxunto do Estado e, por exemplo, o 60% da cota leiteira. Por este motivo, Suárez Canal dixo ver "amplo percorrido" do documento presentado este luns. A meta final é "sumar vontades" e poder influír na decisión final que o próximo outono tomará a Comisión Europea sobre a revisión da PAC.

Desconfianza diante do "chequeo médico" da PAC
En defensa do que consideran que é unha especial fraxilidade dos respectivos sistemas produtivos, Galiza, Asturias, Cantabria e Euskadi entenden que a reforma debe favorecer unha redistribución das axudas directas de xeito que se contribúa "realmente" á cohesión económica e social e á promoción do modelo de agricultura "multifuncional".

A posición conxunta está en contra do chamado "desacoplamento" das axudas, é dicir, o mecanismos a través do cal a UE estabeleceu axudas vencelladas ás producións obtidas e hectáreas cultivadas. Un sistema que zoupa especialmente en áreas pequenas e menos produtivas e que a miúdo lle afecta negativamente a actividades económicas relacionadas, incentivando abandonos de explotacións, segundo se reprocha na análise realizada.

Na opinión das administracións que uniron voz esta segunda feira na capital galega, trátase de estratexias inadmisíbeis desde a perspectiva de países onde, como Galiza, existen modelos de explotación agraria que lograron adaptarse ao seu contorno natural "constituíndose em pezas insubstituíbeis dunhas paisaxes de gran valor cultural e natural". "Polo seu papel no equilibrio territorial, e pola súa repercusión medioambiental, a agricultura e o conxunto da actividade agroalimentaria, resultan estratéxicas", subliñan.

A prol da extensión do modelo de cotas leiteiras
Na altura de xuño de 2011 está previsto que chegue ao Parlamento Europeo e Consello Europeo o informe da Eurocomisión sobre as condicións para a supresión progresiva do réxime de cotas leiteiras. Deica ese momento, a Xunta propón que se aprace calquera decisión sobre o escenario a partir de 2015. A posición conxunta asinada este luns expón que para aquela data debera coñecerse a evolución do sector coas medidas adoptadas coa chamada "aterraxe suave", podendo ter así máis elementos de xuízo que eviten "a toma de decisións irreversíbeis".

De chegar a producírense esa eliminación de cotas, agoiran que aumentarían as fendas e desvantaxes xa existentes nos Estados cun forte déficit de aprovisionamento e cunha cota media inferior á comunitaria. Deste xeito, no caso de que se opte polo aumento da cota, insisten em que debe privilexiarse aqueles Estados membros que teñen unha cota moi inferior ao seu consumo interno "e nos que existen segmentos importantes de explotacións que necesitan máis cota para ser viábeis e que veñen mostrando vocación de permanencia no sector".

Do mesmo xeito, pero no caso de que a decisión sexa afondar na supresión do sistema, piden a creación dun "Fondo do Leite", que achegue recursos europeos e que estea destinado "a mellorar a viabilidade das explotacións con perspectivas de continuidade corrixindo o posíbel lastre que algunhas explotacións puidesen ter polo esforzo feito para axustarse ao escenario actual, especialmente no caso dos territorios cun maior grao de dependencia do sector lácteo".


4.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: