Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O Día de Galiza relanza a carreira electoral

Ideas de autogoberno no camiño das urnas

R.Noguerol - 09:00 26/07/2008

Xosé Cuíña, Xerardo Fernández Albor e Manuel Fraga foron, por esa orde, os tres persoeiros elixidos por Alberto Núñez Feijoo este venres para reivindicar o "galeguismo" do PPdeG, referíndose a eles como "adalides" do galeguismo. "Sei ben que hoxe estaría aquí celebrando este día connosco, pero estea onde estea seguro que tamén celebra a festa da súa terra, nai e señora", afirmou Núñez Feijoo, con esa última referencia a unha coñecida frase utilizada polo finado Xosé Cuíña. A continuación cualificou a Fernández Albor de "pai da Galiza moderna" e a Manuel Fraga "pai da modernidade de Galiza". Foi en Poio, onde os populares celebraron a súa festa neste Día de Galicia.

Mentres, na súa intervención durante a ofrenda floral no monumento a Castelao, o líder dos socialistas galegos, Emilio Pérez Touriño, convidou a militantes e simpatizantes do PsdeG-PSOE a traballaren en favor do autogoberno sen mirar o Estado español "de lonxe" senón para ser "cada día leais, comprometidos e compartindo esa España da solidariedade". Foi así como defendeu "a diversidade que recolle a Constitución" no contexto das garantías de "equidade, xustiza e igualdade para todos os cidadáns". Pérez Touriño afirmou que Galiza debe apostar por mellorar o seu autogoberno, ao tempo que combina o "amor a España" co "compromiso pleno coa comunidade". O secretario xeral do PSdeG e presidente da Xunta falou así durante o acto de celebración do Día de Galicia que o seu partido celebrou en Rianxo.

Por outra banda, en Compostela, o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, definía como "a mellor carta de presentación de Galiza como nación no mundo" á visión dunha Praza da Quintana ateigada de militancia e simpatizantes da formación, nunha das mobilizacións máis numerosas dos últimos anos por esta data. "Nacemos para liderar o país", expresou Quintana, rexeitando que o Bloque sexa "complemento" ou "bisagra" de calquera outra formación, e instando a abrir a porta que conduce á "liberdade soberana de Galiza". O voceiro nacional do BNG prognosticou maior capacidade de decisión e xeración de recursos "canto maior sexa a representación" que a formación consiga no Parlamento á volta das próximas eleccións. Foi deste xeito que insistiu en lanzar a que definiu como "a maior campaña de convencemento, sedución e ilusión". "Un Goberno liderado polo BNG é un mellor goberno para o país", subliñou.


Máis:



4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: