Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois das queixas da industria madeireira

Os comuneiros ven "intereses especulativos" na oposición ao borrador da Lei de Montes

Saen en defensa do texto e advirten dos "fortes intereses" que queren aproveitar a redacción da norma para "desnaturalizar" a figura do monte veciñal.

Redacción - 09:00 08/07/2008

A existencia de "fortes intereses financeiros e especulativos queren aproveitar a redacción desta lei para intentar de novo desnaturalizar a figura do monte veciñal como propiedade singular de Galiza", foi denunciada este luns pola Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común. O colectivo de comuneiros sae así en favor do borrador da Lei de Montes de Galicia, onde se introduce a figura do monte veciñal como "propiedade singular".

Consideran que a norma, que chegará proximamente ao Parlamento, consolida este tipo de propiedade, estabelecendo a súa diferenza coa "pública e a particular". Por outro lado, e aínda que lamentan que moitas das emendas presentadas ao texto non foron admitidas polo Goberno, de xeito xeral si fan unha valoración "positiva" do borrador proporcionado pola Consellaría do Medio Rural.

O borrador da Lei de Montes recoñecerá a capacidade xurídica das comunidades de montes "sen dotalas de personalidade xurídica". O detalle é importante, xa que as Comunidades de Montes consideran que a pretensión de dotarlles desa personalidade xurídica sería abrir camiño para converter esta propiedade "en privada plena" e movelas a actuaren como empresas.

Por outro lado, valoran tamén positivamente que a administración fixe o procedemento en caso de abandono na xestión do monte. Así, en caso de que unha comunidade incumpra as súas obrigas legais e de coidado do monte comunal, a Xunta asumiría a súa xestión e podería cedela temporalmente a outro organismo. Cando o abandono se deba ao despoboamento da zona, o Goberno xestionaría o monte provisionalmente.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: