Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Volve a polémica

O PP esixe que se retire da "Mostra das Culturas" de Boiro a Banda Bassoti por "apoloxía do terrorismo"

O grupo de ska italiano, que actuará o 5 de xullo, leva tras de si a polémica logo de que a AVT o acusase de defender a ETA.

Redacción - 18:00 23/06/2008

Volve a Banda Bassotti a actuar en Galiza e a polémica rexorde. Como hai case un ano sucedera en Ferrol, o guión semella agora repetirse nun novo escenario: o de Boiro. Este concello costeiro acollerá na fin de semana do 4 ao 6 de xullo a súa Mostra das Culturas, un festival que chega á súa quinta edición e que ten por obxecto converterse por uns días nun reflexo da multiculturalidade da sociedade actual. Segundo reza a súa web, "apostan polo respecto, a convivencia e a solidariedade das distintas culturas e as súas manifestacións en calquera campo da cultura".

Doutro xeito, sen embargo, o entenden dende o Partido Popular de Boiro. Os populares piden ao concello a retirada da Banda Bassoti do cartel, por considerar que fai apoloxía do terrorismo nas letras dalgunhas das súas cantigas. Ademais, recrimínanlle á equipa de goberno municipal a inclusión deste grupo no programa e acusan ao bipartito boirense de pretender politizar as festas, contando cun concerto coma este, din, vencellado á esquerda radical.

A polémica vén de atrás. A Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) denunciara a actuación deste grupo o pasado ano en Ferrol, e mesmo ameazara con querelarse contra o municipio pola actuación deste grupo italiano. Consideraba ao concello responsable subsidiario dun delito de enaltecemento do terrorismo por permitir a actuación dun grupo que, na súa opinión, facía apoloxía do terrorismo. Ademais, a entidade anunciou que formalizaría outra denuncia contra a banda italiana, en concreto pola súa canción Yup Lala, que fai referencia ao atentado de ETA que rematara coa vida de Carrero Blanco en 1973.

Banda Bassotti
Este grupo de ska naceu nos suburbios de Roma en 1981 e nas súas letras exhiben unha ideoloxía comunista e un forte compromiso político con causas como a dos pobos palestino, nicaragüense, salvadoreño ou vasco. Acadaron un certo éxito en Italia e en España fixéronse coñecidos grazas aos seus concertos conxuntos co grupo Negu Gorriak.


Ligazóns

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: