Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito dos Balcáns

A ONU e Holanda, a xuízo polo xenocidio de 1995 en Srebrenica

Comezou na Haia unha audiencia para determinar a responsabilidade dos cascos azuis holandeses na matanza de oito mil musulmáns en Bosnia.

Redacción - 17:00 18/06/2008
Enterro de vítimas sen identificar

Enterro de vítimas sen identificar

O xulgado de primeira instancia da Haia tramita esta semana tres casos interpostos contra o Estado holandés por familiares de vítimas do xenocidio na cidade de Srebrenica (Bosnia) en 1995.

A matanza de máis de oito mil bosnios musulmáns varóns, homes e cativos, en Srebrenica, que ocorreu no contexto da guerra de Bosnia (1992-1995) cando o enclave era protexido por cascos azuis holandeses, está considerada como o maior masacre en Europa dende a Segunda Guerra Mundial.

Esta cuarta feira, os xuíces analizan se Nacións Unidas goza de inmunidade ou non ante unha demanda xudicial, neste caso a presentada por unhas seis mil 'Nais de Srebrenica', que en xuño de 2007 denunciaron tanto o Estado holandés como a ONU por non protexer os seus fillos do ataque serbobosnio.

Fallos na misión e posíbel colaboracionismo
Comandadas polo xeneral Ratko Mladic, as milicias separaron a homes e nenos das mulleres para executalos nos arredores. Aínda que se responsabiliza a Mladic (prófugo da Xustiza), as testemuñas e os informes de distintos organismos recoñecen fallos na misión de paz da ONU e mesmo falan dunha colaboración entre soldados holandeses e serbobosnios.

O luns tramitáronse dúas denuncias particulares, unha interposta polo intérprete da ONU Hasan Nuhanovic, que perdeu os seus pais e un irmán, e outra da viúva de Rizo Mustafic, un electricista da base de Potocari, onde estaban apostados os cascos azuis de Holanda (Dutchbat).


4.75/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: