Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TELEVISIÓN

Benigno Sánchez recoñece que a segunda canle da TVG está "sen rematar"

Nunha resposta parlamentaria, o director xeral da CRTVG anunciou que a programación se baseará nas emisións internacionais nunha primeira fase.

Redacción - 17:40 30/05/2008

O director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, confesou este venres que o proxecto da segunda canle da TVG aínda está sen rematar, mais avanzou que, nunha primeira fase, a súa grella estará baseada na da canle internacional, a través dunha "programación específica claramente diferenciada".

Sánchez respondeu unha pregunta da deputada do BNG Modesta Riobó sobre as previsións da posta en funcionamento da segunda canle, anunciada para o 25 de xuño exclusivamente pola TDT. O director xeral do ente público afirmou que tiña que ser "especialmente prudente", porque aínda se está traballando na súa definición pero asegurou que será unha canle dixitalizada de calidade, con total vocación de servizo público e dirixida a unha audiencia que a canle xeralista non atende.

Adiantou, ademais, que os contidos serán divulgativos, culturais e deportivos durante as 24 horas, aínda que diferenciando dúas franxas, de 7:00 a 0:45 e de 0:45 a 7:00, con especial atención aos deportes minoritarios na fin de semana e aos restantes programas de luns a venres. Tamén se prevé incorporar novos produtos, potenciar o audiovisual galego e incorporar os programas senlleiros da primera canle.

O orzamento, anunciou Sánchez, será de 2 millóns de euros, un custo mínimo procedente dos fondos da Compañía. Pola súa banda, Modesta Riobó lembrou a vella demanda de contar cunha segunda canle e reclamou, ademais, un novo múltiplex dixital, do que xa dispoñen outras comunidades autónomas. Xustificouno porque "os medios públicos deben contar coas canles suficientes que nos permitan ampliar a programación, que nos permitan atender os grupos singulares de audiencia ou a posibilidade de emitir e recibir sinais doutras televisións (mesmo a portuguesa)".


3.5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: