O xornal ourensán acusa ao herculino de buscar a súa desaparición con “patadas nas costelas”.
O xornal ourensán La Región decidiu sacar toda a súa artillaría contra La Voz de Galicia e, máis concretamente, contra o seu editor, Santiago Rey Fernández-Latorre. O motivo do litixio ten que ver coa decisión da Deputación de Ourense de inxectar 1,5 millóns de euros para salvar a La Región da creba económica. Ao longo da semana pasada, La Voz de Galicia informou da operación cun prisma crítico.
Os dardos chegados dende A Coruña non sentaron nada ben en Ourense. A reacción foi máis que contudente. O editor de La Región, Luis Sotelo, asinaba o domingo un afiado artigo dirixido a Santiago Rey: ¿...pero aínda quere máis millóns? No mesmo acusa a La Voz de ser o xornal máis subvencionado do país e de percibir continuas prebendas dos poderes públicos. Por se fose pouco, Sotelo reta a Santiago Rey: “Que se leve a cabo unha auditoría independente e de total garantía sobre as respectivas vinculacións dos medios de comunicación de Galiza coas Administracións Públicas a todos os niveis. Vostede move, don Santiago”.
Este mesmo martes, La Región volve bourar no xornal herculino cun editorial onde acusa directamente a La Voz de ser unha empresa especializada “na venda e distribución masiva de exemplares do xornal que, engordando a súa tirada, non abonan puntual e fielmente os petos de moitos dos seus lectores; páganos outros e non precisamente polo afán da lectura”.