Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois do consenso estatal

O sector leiteiro senta para darlle outra oportunidade ao contrato homologado

Só o Sindicato Labrego chega á xuntanza deste xoves coa intención inicial de rexeitar un pacto que despois da negociación acepta o resto do sector.

Redacción - 09:00 22/05/2008

Será con probabilidade un "momento histórico" o que facilitará a Mesa do Leite este xoves. Desde o sector gandeiro falan de superar unha relación "medieval" que até o de agora os unía á industria, a quen lle entregaban o leite sen saber o prezo ao que lles ía ser pagado.

A negociación abriuse xa o pasado mes de xullo, cando a consellaría de Medio Rural convocou a Mesa do Leite e mediou no conflito entre industria e produtores. O documento presentado hai poucas semanas chega agora novamente á mesa despois de que as partes presentasen as súas respectivas alegacións. Con todo, o conselleiro, Alfredo Suárez Canal, expresaba esta semana a súa convicción de que malia as suxestións, todas as partes "expresaron inequivocamente a súa vontade de chegaren a un acordo".

O problema do prezo mínimo
A posición máis crítica é de momento a do Sindicato Labrego Galego (SLG), desde onde advirten de que non se sumarán este xoves ao consenso se non se escolle un prezo mínimo. Opinan que se deixará "vendido" o sector lácteo ante a industria, interpretando que os empresarios terán total liberdade para "impoñelo".

Desde a consellaría argumentan ao respecto que o feito de que non poida poida producirse neste documento sectorial un acordo de prezos mínimos, "non significa" que este non apareza recollido no contrato particular que o gandeiro asine coa súa respectiva industria. Este último aspecto si quedaría así estabelecido no acordo ao que agora se chega.

Deste xeito, desde os outros sindicatos, Unións Agrarias (UUAA), e Xóvenes Agricultores, opinan que poñer no documento agora asinado unha cantidade mínima "sería como facerse trampas a un mesmo no solitario", en palabras de Roberto García. "É formular dende un principio a ilegalidade do contrato", sostén García. A maiores, consideran que o Tribunal para a Defensa da Competencia "tiraría abaixo" un texto con esta referencia.

Acordo estatal
A cita este xoves en Galiza chega ademais cun precedente este mesmo mércores a nivel estatal. Así, a Federación Estatal de Industrias Lácteas (Fenil), a Confederación Española de Cooperativas (CCAE) e as organizacións agrarias Asaja e UPA reactivaron a Interprofesional Láctea (Inlac) coa renovación da súa xunta directiva e acordaron un contrato estatal para regular os procesos de compravenda de leite. Neste caso, a Coordenadora de Organizacions Agraria e Gandeiras do Estado, negouse a asinar o acordo por idéntico motivo ao argumentado polo SLG, a ausencia dun prezo mínimo.

O documento fixa unha duración do contrato mínima de tres meses, define obrigas e deberes para industria e gandeiros, estabelece que o prezo se debe acordar entre as partes, recolle indemnizacións en caso de incumprimentos e "garante a seguridade alimentaria, a calidade e a trazabilidade" do produto, segundo acordaron. De xeito paralelo, continúa ademais a negociación sobre un modelo de orientación de prezos.

Chamamento á "desobediencia" se non hai prezo mínimo
No mesmo sentido en que o anunciou xa o Sindicato Labrego Galego, a Unión Sindical Agraria Galega (USAG) rexeita a sinatura do contrato homologado se non inclúe o prezo mínimo do leite. Por este motivo, a USAG fixo este xoves un chamamento aos gandeiros para que, "se non aparece estabelecido un prezo mínimo do leite, "non asinen o contrato homologado estatal" nin tampouco o que se prevé consensuar en Galiza na Mesa do Leite.

"Estamos a darlle carta branca á industria para que nos impoña o prezo que queira", esgrimiu o presidente de USAG, Leandro Quintas, quen opina que as empresas "seguirán facendo o que lles dea a gaña".


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: