Así respondeu o arxentino que publicou un libro "racista" con chistes de galegos á denuncia legal feita pola colectividade galega.
Chámase Ricardo Parrota e ten –el coma os seus fillos- nacionalidade española. Parrota, que emprega o pseudónimo Pepe Muleiro para escribir os seus libros como o novo 'Super chistes gallegos', tomouse de broma a denuncia por discriminación presentada contra el, aínda que aclarou que non ten a 'intención de ofender a ninguén'.
'Son un comando de intelixencia galega, termo contraditorio se os houbese', dixo Parrota sobre os membros da comunidade que denunciaron á Editorial Sudamericana, que publicou o libro, ante o organismo estatal arxentino que combate a discriminación.
En declaracións publicadas hoxe polo diario local Crítica de la Argentina, o autor –que ten nacionalidade española e lla deu aos seus fillos- considerou que 'porse a defender chistes a esta altura é inútil'.
'Eu fago chistes de todo tipo, non só de galegos, e vendín máis de dous millóns de exemplares dos meus libros. Todos os anos fan este tipo de manifestacións', indicou.
O arquitecto arxentino de orixe galega Gastón Quiroga foi o primeiro en denunciar á Editorial Sudamericana por considerar que o libro contén 'agresións máis que chistes'.
A denuncia foi presentada o pasado 5 de maio ante o Instituto Nacional contra la Discriminación, la Xenofobia y el Racismo (Inadi), un organismo dependente do Ministerio de Xustiza, Seguridade e Dereitos Humanos de Arxentina, e foi apoiada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG).
A ela sumouse o presidente da Sociedade Hijos de Arantey y Centro Villamaría Perojano ((http://www.arantey.com/historia.htm)), Gastón Juan, quen do mesmo xeito que Quiroga espera que a comunidade galega se sume á denuncia, xa sexa de forma institucional ou individual.
'Os xudeus fan os seus propios chistes sobre os campos (de concentración), os franceses rinse dos belgas, os uruguaios dos arxentinos. Un chiste é un chiste, punto. Non hai intención de ofender a ninguén', escusouse Parrota.
O pasado luns Quiroga acudiu xunto a medio centenar de persoas ao espazo da Editorial Sudamericana na 34º Feira do Libro de Buenos Aires para repartir entre os presentes folletos que se manifestaban en contra do libro de chistes.
O obxectivo principal das denuncias, ademais de manifestar o malestar da comunidade galega, 'é impedir que o autor gañe diñeiro desta forma', segundo Quiroga, cuxa idea é conseguir que o recadado pola venda do libro vaia parar a causas sociais.