Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Crónica de Moncho Iglesias

A chave máis grande do mundo

Coincidindo co día en que Israel celebraba os seus 60 anos de independencia, Palestina conmemoraba, con loito, os mesmos anos de dependencia.

Moncho Iglesias - 18:45 09/05/2008
A chave pesa dúas toneladas e mide dez metros / Foto: M.I.

A chave pesa dúas toneladas e mide dez metros / Foto: M.I.

O 15 de Maio de 1948, as tropas británicas retirábanse dos territorios de Oriente Medio; un día antes, establecíase o estado de Israel; nese mesmo momento nacía unha nova palabra na lingua árabe de palestina: Nakba, Catástrofe. Daquela, unhas 50.000 persoas perdían os seus fogares e dende entón moitos deles viven na diáspora –máis do 70% dos palestinos viven fóra da súa terra natal, e un 25% viven espallados dentro da chamada Palestina histórica.

Coincidindo co día que Israel aproveitaba para celebrar os seus 60 anos de independencia, este 8 de Maio, Palestina conmemoraba, con loito, os mesmos anos de dependencia. Mentres as bandeiras branquiazuis ondean en Israel; dende este xoves, e durante unha semana, a bandeira palestina e outra de cor negra lucirán nos edificios de moitas cidades palestinas.

Símbolo da Nakba
Os actos de protesta empezaron de distinta maneira en Palestina. En Ramallah preparouse un lugar, con tendas de campaña, coma unha especie de museo no que amosar fotos, conferencias e experiencias de refuxiados e apátridas. Noutras cidades houbo xuntanzas, acompañadas de charlas e izadas de bandeiras. E en todas elas coincidiu o símbolo da Nakba: a chave. Unha chave, moitas veces real, que representa a única peza herdada dun longo período ateigado de ferrollos.

No campo de refuxiados de A’ida, en Belén, un grupo de artesáns fixo a chave máis grande do mundo, para así amosar que continúa a loita polo dereito a regresar as súas casas. A chave de aceiro, de dúas toneladas de peso e dez metros de longa, foi pendurada dunha especie de porta, tamén feita para a ocasión, e nela pódese ler: "non está en venta". Non só se busca a concienciación internacional con este acto, senón tamén unha advertencia ás novas xeracións de palestinos: "está é a chave de regreso, asegurádevos de cumprir a misión".

Lugar simbólico
O lugar elixido para a colocación non é casual. A’ida atópase na entrada de Belén, a unha beira do muro de separación. Por este motivo, a expectación que congregou toda a posta en marcha foi enorme. Xunto a locais e xornalistas, podíanse distinguir, non moi lonxe, as miradas dos soldados que custodian a muralla. Ese precisamente é o motivo polo que se elixiu A’ida, como contan: o muro de separación non impedirá o retorno.

A chave xigante é xa un pequeno centro de peregrinación máis en Belén. Desprazados dos seus terreños, moitos achéganse para observar, con algo de esperanza, o futuro. Así, Ibrahim Musallam, un home de 36 anos, afirma vivir co anhelo de volver, algún día, á súa aldea, preto de Xerusalén: "Coeime hai pouco, na aldea de onde vimos. Botei terra pola cara e chorei. Teño dereito, como individuo, a regresar á miña aldea".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: