Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
NOVA PRODUCIÓN DO CDG

'Estigma': Teatro de suspense

A obra estréase este venres no Salón Teatro de Compostela e xirará por outras nove localidades a partir do 18 de maio.

Redacción - 12:45 02/05/2008

Todo comezou no verán pasado con DramA3. A idea era continuar o proxecto de dramaturxia residente no Centro Dramático Galego iniciado o pasado ano con Cándido Pazó e que deu lugar a A Piragua. Estigma está escrito por Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, tres dramaturgos novos e cun talento xa recoñecido, por exemplo no caso de Ruibal, Premio Nacional de Literatura Dramática. O proceso de escrita colectiva foi coordinado por Dani Salgado, responsábel igualmente da dirección escénica.

A escrita da obra comezou en xullo de 2007, a partir da suxestión de traballar sobre o suspense no teatro. Salgado presentoulles aos tres autores o texto Far Away, da inglesa Carol Churchill, e tamén se tomou como referente o cinema de Hitchcock. Cada un dos dramaturgos participantes escribiu un acto, compartindo historia, espazo e personaxes, de tal forma que obra contén tres visións diferentes, aínda que coherentes. De aí resultaron Abismos de Jacobo Paz, Elsa de Vanesa Sotelo, e Terra Queimada de Rubén Ruibal.

A trama sitúase na illa de Estigma, un lugar case deserto no que, trala erupción dun volcán, unha muller acabada de chegar investiga unha masacre, dous irmáns enfrontan o destino que levan marcado na pel, a desconfianza aniña no seo dunha parella e do remoto continente chega un descoñecido.

Estigma estréase este venres no Salón Teatro de Compostela e permanecerá na capital do país até o 18 de maio para continuar despois cunha xira por 9 localidades galegas: Tui (Teatro Área Panorámica, 22 e 23 de maio), Narón (Auditorio Municipal, 30 e 31 de maio), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 6 de xuño), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 13 e 14 de xuño), Ribadeo (Auditorio Municipal, 20 de xuño), Ferrol (Teatro Jofre, 22 de xuño), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 27 de xuño), A Coruña (Teatro Colón, 2 e 3 de xullo) e ribadavia (20 de xullo).


4.09/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: