Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CARA AO DÍA DAS LETRAS

Álvarez, apelido de poeta

Galaxia presenta a reedición de 'Canle Segredo', a grande obra de Álvarez Blázquez, xunto con 'Vento de Sal', o último libro de Álvarez Cáccamo.

Redacción - 18:35 02/04/2008
Xosé María Álvarez Cáccamo

Xosé María Álvarez Cáccamo

"Tiven o día 6 o neno que esperaba! (...) É pacífico e hastra parezme que un pouco filósofo pois leva acotío as mans á frente. Con tal de que non saia poeta, todo vai ben". Así lle escribía Xosé María Álvarez Blázquez ao seu amigo Fermín Bouza Brey, días despois de nacer o seu fillo Xosé María. Deus non debeu querer que o fillo saiu poeta, igual que o pai. Case seis décadas despois Galaxia decidiu presentar conxuntamente o último poemario de Álvarez Cáccamo, Vento de Sal, canda á reedición de Canle Segredo, o gran libro de poesía de seu pai. Será este mércores ás oito da tarde na Casa do Libro de Vigo.

"Vai ser como un diálogo poético entre pai e fillo, na que o pai é a voz principal e o fillo o que máis gaña", di Álvarez Cáccamo, emocionado pola presentación deste mércores. Vento de Sal parte da memoria íntima, do pasado, da propia relación co seu pai (sempre moi presente na obra de Xosé María Álvarez Cáccamo) para chegar ao presente, á actualidade e aos conflitos colectivos. O libro ten dúas partes moi diferenciadas, unha primeira de textos íntimos e breves na súa extensión; e unha segunda máis política, con textos máis longos nacidos a partir das mobilizacións sociais que xurdiron do desastre do Prestige. O Eu e o Nós, polo tanto, unidos nunha mesma obra.

Unha distribución interna tamén presente en Canle Segredo, unha obra escrita por Álvarez Blázquez nos primeiros anos da década dos cincuenta e que obtivo en 1954 o Premio Eduardo Pondal do Centro Gallego de Bós Aires. O libro non se publicou naquel momento, e non o fixo até 1976, na propia Edicións Castrelos de Álvarez Blázquez. De Canle Segredo dixo Méndez Ferrín que de publicarse no seu tempo marcaría un cambio de rumbo na poesía galega. Pódese pensar, con todo, que Canle Segredo, que unía a poesía máis íntima (da nenez, da familia) coa poesía social (na súa terceira parte), influíu nas obras que Celso Emilio Ferreiro publicou nos anos seguintes, como O soño asulagado ou Longa noite de pedra, pois malia estar inédito a relación que uniu a ambos os dous poetas foi moi estreita.


4,83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: