Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tirapuxa sobre as contas

Balanzas fiscais: "Foto deformada" ou balance de "solidariedade"?

Coa reapertura do debate sobre o novo "modelo de financiamento autonómico", xurde a disputa. Desde a Xunta avisan de que Galiza precisa dunha mellora "á marxe de balanzas fiscais".

Redacción - 09:30 29/03/2008

Saber estritamente os números da diferencia en materia fiscal entre o que unha comunidade autónoma ingresa do Estado e o que á súa vez lle achega. Velaí unha rifa que foi protagonista, outra vez, do debate económico desta semana. Trátase duns números que son independentes por exemplo das estratexias empresariais á hora de estabelecer o domicilio fiscal, ou que non consideran o posíbel déficit histórico acumulado. Tampouco teñen en conta os fluxos laborais reais a nivel estatal nin ofrecen detalle do diferente impacto que criterios como a dispersión ou o avellentamento poidan ter na actividade económica.

O ministro de Economía, Pedro Solbes, admitiu a promesa durante a pasada campaña electoral de que o goberno español publicaría as balanzas fiscais. E o goberno español xa confirmou que eses números sairán á luz. Así, á volta dos recentes comicios xerais, a nivel estatal a rifa a nivel de medios de comunicación leva varios días acesa. Por exemplo, desde Estremadura, o presidente da Junta, o socialista Guillermo Fernández Vara, subliñou publicamente a súa oposición a que eses datos se fagan públicos. Na súa opinión, "o que se agocha por tras disto non é o interese en saber as balanzas fiscais, senón en vinculalas coa negociación do financiamento autonómico". En resposta, desde Cataluña, o presidente da Generalitat, o tamén socialista José Montilla, insistía en que hai un compromiso asumido en campaña electoral por parte do PSOE para que esas cifras se coñezan e pedía "non terlle medo a máis transparencia". Di Montilla que se trata dunha información que permitirá opinar "con máis elementos obxectivos e menos subxectivos" á hora de falar de "solidariedade ou insolidariedade".

A posición desde a Xunta: coidado coa "fotografía deformada"
Na mesma xornada en que o goberno español confirmaba que se coñecerán eses datos, o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio, lembrábao este mesmo venres outra vez. Segundo o Goberno, os criterios que a Galiza lle conveñen pasan por ter en conta o envellecemento e dispersión da poboación. Así Fernández Antonio advertía contra a influencia que no proceso de renegociación do financiamento poidan pretender xogar a publicación das balanzas fiscais.

Deste xeito, a Xunta defenderá que a revisión do modelo agora vixente desde o ano 2001, se afronte cunha metodoloxía onde "nada teñen que ver as balanzas fiscais" e si outros factores como, no caso de Galiza, "o envellecemento e a dispersión da poboación". Trátase de que a modificación teña en conta por exemplo, a influencia no incremento de gasto en sanidade, servizos de atención á dependencia ou transporte escolar.

A posición era reafirmada tamén este venres polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, quen definía de "fotografía deformada" o mapa posíbel que as balanzas fiscais poidan ofrecer. Touriño referiuse a eses datos como simples "instrumentos académicos" para tirar imaxe de transferencias fiscais entre Estado e comunidades. Ao respecto, dixo non estar en contra de que se publiquen, pero sempre que sexa só en beneficio do "aumento de transparencia do sistema" e nunca como criterio á hora da negociación do sistema de financiamento. Insistiu Touriño en que esas cifras darán unha "imaxe curta" da realidade.


4.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: