Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
5 anos da Cimeira dos Azores

A xénese da apocalipse

O 16 de marzo de 2003, George W. Bush, Tony Blair e José María Aznar decidiron darlle un ultimato a Saddam Hussein para desarmarse. Catro días despois invadíase Iraq.

Fernando Arrizado - 09:45 16/03/2008
Blair, Aznar, Bush e Durão, en 2003

Blair, Aznar, Bush e Durão, en 2003

Hai exactamente un lustro, os xefes dos gobernos estadounidense, británico e español, George W. Bush, Tony Blair e José María Aznar mantiñan unha xuntanza nas Illas dos Azores. O anfitrión daquela cimeira era o primeiro ministro portugués, José Manuel Durão Barroso.

Malia as manifestacións masivas que tiveran lugar un mes antes en múltiples puntos do planeta (as máis multitudinarias, o 15 de febreiro), os mandatarios anunciaron un ultimato ao goberno de Saddam Hussein para que procedese ao desarme. Catro días despois, o 20 de marzo de 2003, unha coalición de países formada polos gobernos destes catro estados, Italia, Polonia, Dinamarca, Australia e Hungría invadía Iraq.

Ademais, a República Checa, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Letonia, Lituania, Malta, Chipre, Israel e Kuwait apoiaron dunha ou doutra forma a agresión. Francia, Alemaña, China, México e Rusia manifestaron a súa oposición e amosáronse partidarios dunha saída negociada á crise.

A guerra de Iraq non contou co respaldo do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Expertos en dereito internacional condénana como unha invasión ilegal. A inexistencia de armas de aniquilamento masivo, principal argumento que se esgrimiu para a invasión, quedou demostrada; as voces contrarias á invasión afirmaban que o único e auténtico mótivo eran os intereses petroleiros na zona.

Porén, o Tribunal Penal Internacional non pode nin poderá xulgar nunca aos invasores, xa que o Estatuto de Roma non recolle unha definición deste crime. De introducirse -non está previsto para antes de 2009-, o xuízo non se podería levar a cabo porque o presunto delito se cometeu antes de que existise a lei que o castiga.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: