Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Denuncia xudicial das presuntas irregularidades

O Comité de Emerxencia desafía a xustiza a resolver "o maior escándalo económico" do país

Acusan o empresario promotor da planta de gas de obter 30 millóns de euros de beneficio coa venda e a cesión de terreos para a regasificadora.

Redacción / EP - 09:00 06/03/2008

A acusación, realizada anteriormente, chegará agora aos xulgados da man do Comité Cidadán de Emerxencia, CCE, acompañada de novos datos cos que os veciños consideran que se avala a denuncia do que cualifican coma "o maior escándalo económico e político de Galiza".

De xeito específico, durante a conferencia de prensa deste mércores criticaron que o empresario Roberto Tojeiro, promotor do proxecto, obtivese trinta millóns de euros "previamente a calquera tipo de construción" coa venda e cesión dos terreos onde se levantaría a planta. O CCE expón que a regasificadora pagoulle 24 millóns de euros á empresa Forestal do Atlántico, á súa vez presidida polo mesmo empresario, Tojeiro, a cambio do 45% da concesión administrativa da que gozaba esta última empresa en superficie portuaria e pola que até entón se pagaban 142 mil euros. A esta súmanlle os veciños outras dúas operacións económicas na venda de predios a Reganosa e nas que Forestal do Atlántico gañou até 6 millóns de euros. Todas elas, segundo aseguran, realizadas "baixo a supervisión do daquela conselleiro de Economía, Xosé Antonio Orza (PP), quen daquela participaba nas accións de Intasa, "unha das empresas vencelladas ao Grupo Tojeiro".

O CCE dá este paso despois de que a Fiscalía Superior de Galicia estabelecese que cos datos anteriormente proporcionados non había base suficiente para unha acción penal contra o propio Orza e tamén contra o ex presidente da Xunta Manuel Fraga, por presunta prevaricación e tráfico de influencias para favorecer ao Grupo Tojeiro no proxecto da regasificadora. Ao respecto, Humberto Fidalgo, un dos voceiros do Comité, recorda que malia que o fiscal di non ter elementos abondo para levar diante do xuíz a estes políticos, "tampouco negou a información facilitada".

Reganosa rexeita as argumentacións dos veciños
Ao respecto, desde a empresa Reganosa rexeitan os últimos datos achegados polo Comité. Así, a compañía puntualiza que na cantidade final de 24 millóns de euros se contabiliza a concesión e especialmente a cesión realizada por Forestal do peirao de máis de 200 metros de liña de atraque. Ademais, Reganosa recorda que o proceso foi autorizado pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e fallado favorablemente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en 2006, en resposta a unha denuncia presentada por veciños contrarios a Reganosa. Ao respecto da venda doutras operacións económicas de venda de parcelas, por valor de 2 e 4 millóns de euros, aproximadamente, desde Reganosa xa aseguraran que se realizaron a prezo de mercado, e tras a mellora das instalacións.

Non opinan así desde o Comité Cidadán de Emerxencia. A maiores, e despois de subliñar os 30 millóns de euros os beneficios obtidos coa instalación de Reganosa en terreos lindantes a Forestal, Humberto Fidalgo critica os "texemanexes" económicos, que na súa opinión son posíbeis porque "o sistema estatal de gas se fará cargo do gasto que supoña a instalación". "Esta planta de gas non ten máis estratexia que un continuado saqueo das contas públicas", critica.


4.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: