Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NOS TRIBUNAIS

Oito mil euros de multa por sacar unha pancarta a prol do Curdistán en Balaídos

Dous mozos están á espera de xuízo por despregar en 2006 unha pancarta de "Freedom for Kurdistan" nun partido entre o Celta e o Fenerbahçe turco.

Redacción - 19:10 05/03/2008

O 31 de novembro de 2006 dous membros da Asociación de Solidariedade con Kurdistán foron sancionados durante o partido de fútbol que disputaban o Celta e o Fenerbahçe turco en Balaídos.

Durante o partido despregaron unha pancarta na que se podía ler "Freedom for Kurdistan", e, aos quince minutos, a policía, avisada por membros das forzas de seguridade turcas que estaban no estadio (unha práctica ao parecer habitual do goberno deste país, que inclúe axentes nos desprazamentos dos seus equipos de fútbol para tentar evitar as alusións á cuestión armenia ou á curda), decidiu desprender a tea e sancionar a estas dúas persoas que estaban na mesma grada, pero lonxe da pancarta.

"Foron por eles porque levaban camisolas da asociación"
Segundo lle contou a Vieiros Diego Mouriño, membro desta asociación, os policías foron botar os seus compañeiros do campo sen que sequera lles dese tempo a se colocaren por detrás da pancarta.

"Foi porque levaban as camisolas da asociación... unha asociación que é legal dende hai case vinte anos. Ao verlles as siglas entenderon que tiñan que ver coa colocación da pancarta", salientou Mouriño, ao tempo que lembraba que, a pesares de non opoñer resistencia, os seus compañeiros foron botados fóra do campo e multados con 4 mil euros cada un.

Agora acúsanos de "conduta violenta", amparándose na lexislación vixente sobre a violencia en espectáculos deportivos, mais Mouriño salientou que pancartas coma esta son habituais nos estadios do Estado Español ("é bastante normal ver nos campos cataláns, por exemplo, pancartas coa lenda 'Freedom for Catalonia'"), e que naquela altura non houbera altercado ningún.

A xuízo "por reclamar xustiza e liberdade para un pobo non recoñecido polo Estado turco"

Durante máis dun ano a Asociación de Solidariedade con Kurdistán recorreu estas multas, mais todas as alegacións que foron entregadas na subdelegación do goberno español era contestadas "coma se non as lesen sequera", dixo Diego Mouriño, "limitáronse a negar os nosos recursos". Agora chegoulles a notificación de que van ir a xuízo, manténdose as acusacións tal e como foron realizadas pola policía e recollidas pola subdelegación do goberno español en Pontevedra.

Preguntándolle polas razóns que ven dende a asociación para que se siga adiante co procedemento de sanción, Diego Mouriño di que ten claro que as accións teñen un carácter político: "os seareiros turcos puxéronse nerviosos, chamaron á súa policía e esta á local e á policía española que había no campo. O partido estaba a se retransmitir tamén en Turquía, e no momento no que se enfocou a pancarta, as televisións turcas suspenderon a emisión, por uns dez minutos... Os turcos negan a existencia do pobo curdo".


Ligazóns

5/5 (23 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: