O PPdeG mudou de estratexia, tanto o presidente da Deputación de Ourense coma Feijoo centraron os seus ataques nos nacionalistas.
A campaña do PPdeG deu este venres un xiro significativo, se até o de agora case todas as críticas ían dirixidas aos socialistas, agora a artillaría tamén apunta aos nacionalistas. Nun mitin en Verín ao que acudiron preto de 1.500 persoas o presidente do PP ourensán foi especialmente duro co líder do Bloque: “Onde está a dignidade do señor Quintana, que enche a boca pronunciando esa palabra? O BNG xa non é galeguista. Só está no poder porque lle interese seguir pisando moqueta”.
Pola súa parte, o presidente dos populares, Alberto Núñez Feijoo, sinalou que está seguro que nas eleccións autonómicas do vindeiro ano os conservadores van recuperar a maioría absoluta. Feijoo tamén lanzou a maioría dos seus cartuchos contra Quintana de quen dixo que era “o político máis nefasto para o autogoberno de Galiza”.