M. del Río - 12:00 02/03/2008
Mariano Grueiro, blogueiro e un dos precursores do podcast en galego, será o candidato ao Senado do Partido Obreiro Socialista Internacionalista (POSI) pola provincia de Lugo. Aínda que non tiña relación co partido, uns amigos pedíronlle ser o candidato. E aceptou. O feito de poder ampliar a oferta de partidos que se presentan pola provincia luguesa foi un factor determinante.
Como xa explica no seu blog, Grueiro non vai facer campaña. Ao partido foille rexeitado un crédito de 6.000 euros que pediu nunha caixa de aforros. Pero non foi ese o único atranco que sufriu o POSI.
Grueiro recoñece que non se podería autofinanciar a campaña electoral, pero dáse por satisfeito por se poder presentar por "unha das provincias con máis caciquismo do Estado Español". Tamén afirma que, aínda que non concorda con toda a ideoloxía da formación, porque "está contra o independentismo", apóiao pola súa "aposta polos traballadores e contra a Monarquía". En relación a como está a discorrer a campaña, cre que é "triste" e bipartidista.
Se chega ao Senado, ten claro que defenderá as propostas do POSI.
A nivel de Lugo, pensa tomar medidas para impedir "unha crise enerxética brutal, unha gran taxa de paro, de emigración e de fame" que asegura que se aveciñan: promover a venda dos produtos agrícolas, como acontece noutros países. "Tamén temos que resolver o problema do transporte e o grave problema que temos na Galiza coas telecomunicacións. Non pode ser que tarden en darche acceso sete anos. Iso hai anos que está solucionado tecnicamente e non sei cantos anos imos ter que aturar todo isto", engade.
Tamén está a favor de reformar o Senado, aínda que "era mellor que llo preguntásemos a Manuel Fraga, que leva catro anos traballando en Madrid", e asegura que non cumpre coa súa suposta función de representar as comunidades autónomas. Porén, a súa principal preocupación é o acceso á vivenda.