Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XOSÉ ANTONIO PEROZO, ESCRITOR

"Por que na literatura cando hai un 'polvo' temos que marchar a negro?"

O seu 'Coral de Lirios Morenos', publicado hai quince anos, pode ser considerado a primeira novela erótica en galego.

Marcos S. Pérez / Vídeo: Lucía Iglesias - 09:45 03/03/2008

Xosé Antonio Perozo (Llerena, 1951) introduce decote o erotismo e a sensualidade nas súas novelas; dous exemplos moi claros son Martázul (Premio Blanco Amor, 2001) e Espérame (Xerais, 2006). Ademais, Perozo escribiu no ano 1992 a que pode ser considerada a primeira novela erótica da literatura galega: Coral de Lirios Morenos, a historia dunha casa de prostitución nos anos 50, na que relataba as historias das rapazas alí empregadas. Perozo di que a verdadeira orixe do seu interese polo erotismo na literatura é que non comprendía por que nas novelas os personaxes cando se metían na cama pechaban as escenas apagando a luz.



De todos os xeitos, o erotismo está moi presente en todo o que escribes...

Eu sempre. O tema erótico sempre o incluín en todo o que escribo. Menos na literatura infantil e xuvenil, até o de agora..., o tema do sexo estivo presente en todos os meus libros. Por unha razón elemental, porque o sexo forma parte da vida. E se nas novelas cando falamos dunha comida damos até a receita, por que cando hai un 'polvo' temos que marchar a negro? Pois non, cóntase o 'polvo', se o 'polvo' é necesario. E case sempre o é, porque as relacións íntimas entre os personaxes defínenos moito mellor que calquera outra cousa.

Cres que hai unha crise no xénero. Dígoo, por exemplo, pola desaparición do premio de La Sonrisa Vertical

Eu fora finalista precisamente de La Sonrisa Vertical con Misterios Gozosos, un ano que ao final quedou deserto. La Sonrisa Vertical foi un feito importante na historia da literatura erótica neste país, pero é evidente que aquel furor que houbo nun momento na Transición, como consecuencia lóxica da represión previa, hoxe xa non existe. Existe algunha iniciativa illada, como por exemplo o facho acendido que mantén Positivas co certame de Narrativas Quentes. Pero xa non hai tanto lector como había antes, por unha razón obvia: o erotismo está no cine, nas revistas...

O erotismo era o socialmente non aceptado, unha vía de escape, e xa non o é?
Si, hoxe xa non representa esa vía de escape. Pero eu penso que non debería ser un xénero, debería estar integrado en todos os xéneros, como fixen eu en Martázul ou Espérame, libros nos que o erotismo está moi presente, como está presente na vida. Iso pasa con moito escritores, atrévense a entrar neste campo e invalidan en certa forma o xénero.

Cal é o segredo para facer literatura erótica? Manter un equlibrio entre erotismo e pornografía?
Eu son incapaz de definir onde está o límite. En principio a pornografía é burda e de mala calidade, pero hai contidos claramente pornográficos que teñen unha grandísima calidade literaria. Eu non creo que teña que estabelerse unha fronteira. Creo que non existe, inventámola nós.

Segue estando peor vista participación da muller cá do home?
Non, creo que hoxe a muller xa non ten ese problema. Mira, en Galicia temos aí escritoras que nos dan cen voltas aos homes. A muller, a partir do momento en que foi capaz de controlar a súa sexualidade, liberouse de todas esas historias. Xa non existe como limitación social, outra cousa son as limitacións individuais que poida ter cada persoa.

Como cres que anda de saúde a literatura erótica galega?
Eu creo que non ten saúde, simplemente. É un fenómeno moi pequeno, sen unha demanda importante. Por exemplo este verán estiven facendo un programa diario na Radio Galega, Noite de Venus, que ía sobre temas eróticos e literatura, e a demanda da xente non era moi grande. Interesaban máis os temas médicos que o erotismo en si.

Houbo moito erotismo na historia da literatura galega?
Até onde eu coñezo, non.

Tampouco na literatura popular?
Está a literatura popular, claro, pero ese é un fenómeno común a todas as literaturas, que non só sucede en Galicia. O erotismo é a principal forza da natureza, e está moi presente na comunicación, ás veces mesmo agachando unha importante crítica social contra a Igrexa e outros poderes fácticos.

Puideches ler algo do Ferve a Rede?
Está moi ben a iniciativa, sobre todo porque están chegando moitos. Iso significa que hai un número moi importante de xente que está disposta a contar esas historias. É moi positivo.


4.17/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: