Entran no Padroado o Consello da Cultura e a Real Academia, e convídase ao Concello de Vigo a facelo. Ademais, créanse novas comisións para aumentar as súas actividades.
Cando está a piques de cumprir 45 anos, a Fundación Penzol amplía o seu Padroado a vinte persoas, dando entrada tamén a institucións senlleiras coma o Consello da Cultura e a Real Academia. Ademais, propón a incorporación ao mesmo do Concello de Vigo, entidade coa que mantén convenios de colaboración dende o ano 1985.
Como consecuencia da ampliación a composición do Padroado queda configurada do seguinte xeito: Presidente: Blanca Jiménez de Penzol; Vicepresidente 1º: Alfonso Zulueta de Haz; Vicepresidente 2º: Xulio Souto Jiménez; Secretario: Antón Vidal Andión; Director da biblioteca: Francisco Fernández del Riego; Vocais: Xaime Isla Couto, Xerardo Fernández Albor, Olga Gallego, Xulián Parga Rodríguez, Benxamín Casal Vila, Xoán Bernárdez Vilar, Real Academia Galega, Consello da Cultura Galega, Ricardo Beiras García-Sabell, Mª Dolores Cabrera Iglesias, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Francisco Domínguez Martínez, Pedro López Gómez, Manuel Meijide Vecino, Henrique Monteagudo Romero e Pablo Sánchez Ferro.
Ademais, créanse tres comisións de traballo: unha, presidida por Pedro López, dirixida principalmente á actualización, renovación e dixitalización dos fondos; outra presidida por Henrique Monteagudo coa idea de dotar a Fundación dunha liña de traballo alén da conservación de fondos e investigación especializada, e unha terceira presidida por María Dolores Cabrera, coa idea de proxectar cara ao exterior o patrimonio da Fundación.