Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
IMPLICADOS NO PLAN CÓNDOR

“As detencións pedidas en Italia van acelerar os xuizos na Arxentina”

O titular da Asociación Arxentina Prol Dereitos Humanos de Madrid dixo que as máis de 140 ordes de arresto pola participación de militares no secuestro e asasinato de varios cidadáns de orixe italiana en América Latina contribuirán a "acelerar os xuízos" no país austral.

Débora Campos - 11:31 27/12/2007

O avogado Carlos Slepoy considerou este mércores que a decisión da xustiza italiana de adiantar en detencións e pedidos de extradición no marco do Plan Cóndor terá "un efecto de repetición e contaxio" e contribuirá a "acelerar os xuízos" na Arxentina. O letrado e titular da Asociación Arxentina Prol Dereitos Humanos de Madrid sinalou á axencia arxentina de noticias Télam que a decisión xudicial italiana provocará que se aceleren os xuízos na Arxentina, que están en marcha pero cunha celeridade que debe afondarse.

Ademais, subliñou que a xustiza italiana baseouse en que "houbo un plan común" de represión no cono sur -o Plan Cóndor- e non "feitos illados que coincidiron no tempo e na rexión", ao pedir a detención de ex-xerarcas como os arxentinos Jorge Videla e Emilio Massera. Slepoy, representante en España das querelas por delitos de lesa humanidade durante a última ditadura arxentina, sinalou que a detención do represor uruguaio Néstor Fernández Tróccoli e a reiteración das extradicións de xerarcas militares de América Latina "é un paso transcendental".

Grande envergadura
"A cantidade de persoas implicadas nos distintos países -hai 140 ordes de arresto- dálle unha grande envergadura que vai ter un efecto de repetición e contaxio nos países afectados polas ditaduras", sinalou Slepoy. O avogado remarcou que a causa xudicial en Italia é "unha mostra de que se está perseguindo con profundidade e amplitude" os represores que actuaron en plans de exterminio na década dos 70 en América Latina e destacou a tarefa das organizacións de dereitos humanos "das propias sociedades afectadas, que puxaron" para que avancen as causas no exterior.

"As medidas adoptadas por xulgados de distintos países, como Italia, España e Francia, dan a idea de que este tipo de criminais debe ser perseguido por todos os tribunais e non poderán andar soltos en ningunha parte do mundo", considerou Slepoy.

Videla e Massera
Hai poucas horas a Xustiza italiana volveu solicitar o arresto do ex-presidente da ditadura militar Jorge Videla e do entón responsábel da Mariña, Emilio Massera, xunto a outros 138 oficiais suramericanos que coordinaron o denominado Plan Cóndor, responsábel do secuestro e asasinato de miles de persoas nos anos 70 e 80.

Segundo informaba esta semana a prensa italiana, autoridades xudiciais de Italia reactivaron as ordes de arresto para 140 oficiais das Xuntas militares e servizos de intelixencia de Arxentina, Paraguai, Uruguai, Chile, Brasil e Bolivia sobre os que pesa, entre outras, a desaparición de 25 cidadáns de orixe italiana.

O arresto esta semana, en Salerno (sur de Italia), do ex militar da ditadura uruguaia Néstor Jorge Fernández Tróccoli -responsábele do servizo secreto- é o factor que reactivou as ordes de captura que solicitara oportunamente o fiscal do Tribunal Penal de Roma, Giancarlo Capaldo. Fernández Tróccoli, ex-membro dos servizos secretos da mariña uruguaia e capitán de navío, frecuentaba a Escola Superior de Mecánica da Armada (ESMA), o maior centro clandestino de detención (1976-1983), e mantiña contactos co xeneral Videla e o almirante Massera.

O Plan Cóndor
O fiscal Capaldo conduce as investigacións sobre o Plan Cóndor desde 1998, por mor das denuncias presentadas polos familiares de italianos desaparecidos en sudamérica. Baixo o Plan Cóndor, os gobernos de Sudamérica intercambiaban información para o secuestro e asasinato das persoas opostas ao réxime militar que operou nos 70 e 80 nos países desa rexión.

Segundo os documentos recollidos por Capaldo nestes anos, existen elementos de proba que documentan a colaboración entre os distintos réximes militares para a eliminación física dos opositores na denominada Operación Cóndor, presuntamente ideada polo ex-ditador chileno Augusto Pinochet.

O fiscal Capaldo entregou no 2000 os seus informes ao xuíz da Audiencia Nacional española, Baltasar Garzón, para a investigación que se realiza en España sobre a desaparición dunha muller, filla de españois e nora do poeta arxentino Juan Gelman.


2.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: