Santiago únese á tendencia xeral de todo o país, coa desaparición dos cinemas tradicionais e independentes e a apertura de grandes superficies de multicines.
O peche dos cines Compostela únese a unha longa xeira de salas desaparecidas no noso país nos últimos anos: Equitativa e Chaplin na Coruña; Galicia, Goya e Azul en Ferrol; Yelmo, Cristal e Dumas en Lugo; ABC, Victoria e Gonviz en Pontevedra; ou Novocine e Duplex en Ourense. É a era dos multicines, das salas anónimas e clónicas, propiedade de grandes grupos empresariais, de carácter multinacional en moitos dos casos. Estas empresas, ademais, contan con fortes vínculos coas distribuidoras, coas que negocian a compra de filmes en grandes paquetes nos que priman as grandes producións de Hollywood (blockbusters).
Os cines Compostela, coas súas seis salas, eran un dos últimos exemplos de empresa independente e galega, canda aos Norte (Vigo), do mesmo propietario, os Valle Inclán (Santiago) e os Gran Vía (Vigo). Pero os Compostela e os Norte tiñan outra particularidade: ao non poder acceder á grandes estreas, a aqueles filmes moi promocionados que aseguran unha rendibilidade segura, tiñan que centrarse en filmes europeos e españois, e nas cinematografías oriental ou latinoamericana. E no cinema galego, de xeito que os Compostela eran un dos espazos nos que de cando en cando se estreaban películas en na nosa lingua.
A esperanza: A Lei do Cine e o apoio institucional
Para Miguel Anxo Fernández, crítico cinematográfico, estamos ante unha "mala noticia", a perda dun espazo para ver un cinema diferente. Algúns cines de pequeno tamaño, como os Dúplex de Ferrol, optaron hai un tempo pola dixitalización, que aforra os custes en gran medida. Porén, as cautelas das salas en adoptar este sistema, por mor do seu medo á piratería (máis doada cos DVDs que co celuloide), retrasan a súa implantación, aínda que algúns multicines están reservando algunha sala para a proxección en soporte dixital. Para Miguel Anxo Fernández, a única solución pode estar na Lei do Cine, aprobada recentemente no Senado e pendente da súa ratificación no congreso. A nova norma recolle algunhas reivindicacións dos exhibidores, como axudas para aqueles que reserven un mínimo do 40% da súa programación para filmes non norteamericanos. "Para os Compostela esta lei chega tarde", di o crítico.
Miguel Anxo Fernández non cre que, malia a crise de consumo que estamos a vivir, vaian desaparecer as proxeccións en pantalla grande. Reclama o apoio institucional ás salas e á distribución dos filmes europeos e españois: "o problema é que as grandes estreas de Hollywood chegan a España con 200, 300 ou 400 copias, e moitas películas españolas non teñen nin unha ducia, así é imposible competir". Reclama tamén a presión institucional e social fronte aos multicines: "o ano que vén van abrir en Compostela, nas Cancelas, oito salas; debería haber unha presión dende xa para que se reservasen cando menos unha ou dúas salas para o cinema independente".
A era dos multicines
En 1972 había 371 salas de cine censadas en Galiza. Na actualidade son 188, e a meirande parte delas concentradas nas grandes cidades, despois do peche nos últimos anos dos cines que existían na Guarda, O Porriño, Cangas, O Grove, Cuntis, Boiro, Sada, Betanzos, Verín, Carballiño ou Foz. É certo que resisten outras vilas como Ribeira (3 salas), Carballo (5 salas), Cee (3 salas), Monforte (3 salas), Ribadeo (1 sala), Viveiro (3 salas), Lalín (5 salas), Ponteareas (3 salas) ou Vilagarcía (7 salas). Pero tamén é certo que varias cidades galegas están vivindo unha situación insólita, cun único cinema en funcionamento, como é o caso de Lugo (8 salas), Pontevedra (8 salas) ou Ferrol (2 salas), aínda que no caso de Ferrol hai que ter en conta a proximidade dos multicines de Narón, con 12 salas. Non é mellor a situación en Ourense (dous cines e 9 salas) e mesmo na Coruña só hai dous cines comerciais, con 24 salas en total; a mesma situación na que queda Santiago, con dous cines e 13 salas. Tan só en Vigo a cousa cambia, con 30 salas repartidas en 5 cines.
É a época dos multicines, cada vez máis salas proxectando cada vez menos películas. Salas tapizadas coas mesmas cores, coas mesmas butacas e os mesmos sistemas de son envolvente e absorbente. Pero é a morte dos cines tal e como os coñecemos. Os Compostela pechan este xoves día 20. A irlandesa Once, a española Cancións de amor en Lolita's club, a francesa Xuntos e máis nada, a arxentina O custodio, A batalla por Haditha, en versión orixinal, e A Vida interior de Martin Frost, de Paul Auster, compoñen o derradeiro cartaz que veremos na súa billeteira. Como sería unha cidade sen cines?