O Concello de Vigo vai inaugurar o 12-D o seu alumeado público (no 2006 foi o 30 de novembro), convertíndose na cidade galega que vai aplicar un horario máis restritivo para conquerir o máximo aforro, que pode chegar ao 60%. En Vigo, o alumeado ornamental permanecerá aceso até o 6 de xaneiro, reducíndose ademais o número de horas de funcionamento. As luces de Nadal acenderanse ao mesmo tempo que o alumeado público, pero en lugar de apagarse ás 03.00 horas farano ás 23.00, de luns a venres, e ás 24.00 os sábados, domingos e festivos. |
|
| (Previsión para o 2020 www.pamplonetario.org) |
ADEGA apoia esta medida e felicita ao concello de Vigo pola súa sensibilidade e compromiso ambiental, mais lembra que as medidas de aforro enerxético, quer no alumeado público, deberían extenderse ao resto do ano.
Un alumeado público ineficiente, alén de desbaldir até o 50% da enerxía que consume e contribuir ao aumento de emisións de gases de efeito invernadoiro, é tamén unha das principais causas de endebedamento de moitos concellos que ven como a factura eléctrica non para de medrar. A optimización dos sistemas de alumeado, adatando as luminarias en canto a tipo (millor as de sodio que as de mercurio), colocación e orientación, e optimizando os horarios, pode aforrar até un 60% do gasto eléctrico, reducindo tamén a contaminación lumínica. Este tipo de contaminación, ao igual que a acústica, está asociada ao mal uso de dispositivos -neste caso de iluminación- e é causa de alteracións ambientais e mesmo problemas de saúde, alén de impedir a contemplación e a investigación do ceo nocturno.
Neste senso, ADEGA demanda das administracións a aplicacións de planos de aforro e eficiencia tendentes a reducir o despilfarro enerxético nos concellos, máis aló de medidas puntuais. Estes planos deben ir orientadas, por unha banda a incrementar a eficiencia no consumo de enerxía (optimizando por exemplo os sistemas de iluminación) e por outra á introducción das enerxías renovábeis nos edificios e instalacións públicas. Paralelamente, son precisas campañas de concienciación cidadá para que a povoación se decate da importancia de que iluminar ben non pasa por gastar máis enerxía nen poñer máis farolas, senón por aproveitar millor a luz que emitimos.