A obra poderase ver no Teatro Bambalinas da Federación de Sociedades Galegas entre o 9 e o 13 de decembro
Marga do Val escribiu Aurora Rodríguez e a súa moneca de carne para a Compañía Arte Livre, unha obra que foi estreada no Teatro Principal de Compostela o 9 de decembro de 2002 e representada en diferentes puntos de Galiza e Portugal, recibindo boas críticas. En Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, dirixida por Roberto Cordovani, Marga do Val reescribe a súa propia obra, centrándose, esta vez no tema da maternidade e da creación literaria.
A autora revisita a historia de Aurora Rodríguez Carballeira, nacida en Ferrol en 1879 e falecida no psiquiátrico de Ciempozuelos (Madrid) en 1955, unha muller que desexou ser nai e crear á muller perfecta para salvar á humanidade: a súa filla Hildegart. Hildegart Rodríguez Carballeira, unha nena prodixio, converteuse en revolucionaria e feminista e foi escritora e ensaísta. Pero un día a súa nai descubriu que a súa obra non era perfecta, así que en 1933 decidiu matar a súa filla.