Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O emprendemento universitario duplica a media europea

As universidades paren cinco empresas tecnolóxicas por ano

Galiza duplica a media europea de creación de empresas de base tecnolóxica saídas das universidades. Esta é unha das conclusións dun encontro desenvolvido esta quinta en Compostela.

Redacción - 12:12 02/12/2007
Cada ano créanse 5 empresas de base tecnolóxica partir das universidades galegas

Cada ano créanse 5 empresas de base tecnolóxica partir das universidades galegas

O I Encontro Galego de Empresas de Base Tecnolóxica de Orixe Académica, desenvolvido a pasada quinta feira en Compostela, estaba organizado no marco de Empresa-Concepto, un programa público promovido polas tres universidades galegas e a delegación en Galicia do CSIC; e está financiado pola Dirección Xeral de Promoción do Emprego e pola Dirección Xeral de I+D+i. Nel xuntáronse as empresas galegas xurdidas, nos últimos anos, da investigación universitaria para falar, todas xuntas, das problemáticas comúns ás que se enfrontan.

As 22 empresas de base teconolóxica creadas nos últimos anos todas xuntas
Durante o encontro, o director do programa de creación de empresas da USC, Carlos Hernández, sinalou que a media europea de creación de empresas de base tecnolóxica por institución e ano é de 2,4 empresas, mentres que as universidades galegas duplican os estándares europeos, cunha media de 5,5 empresas por ano.

De feito, nos últimos anos creáronse 22 novas empresas de base tecnolóxica nacidas das universidades galegas, ao abeiro deste programa público. En Compostela estaban representantes desta vintena de compañías e outros emprendedores, que contaron a súa experiencia, como entraron e como lles foi no mundo empresarial.

O perfil do emprendedor galego saído da universidade
Os emprendedores que saen do contorno académico adoitan ser xente nova, profesores ou investigadores universitarios que detectan unha oportunidade de negocio a partir do seu coñecemento e lánzanse ao mercado empresarial, en moitas ocasións coa intención de buscar a estabilidade profesional do seu equipo. Un dos problemas cos que se atopan estes novos empresarios é o descoñecemento da xestión empresarial. As empresas de nova creación pódense manter máis ou menos estábeis uns tres anos, a partir dese momento poden xurdir as primeiras crises.

Un dos puntos máis conflitivos destas novas empresas é como manter ao persoal do que se parte na universidade. Entre as solucións que se aportaron nesta xuntanza destaca a busca de xestores profesionais, e a necesidade de seguir mantendo contacto coa universidade da que sae a empresa, co fin de que apoie o seu crecemento e poder innovar de maneira continuada.


Documentos

1.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: