Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comisión de Investigación sobre a Cidade da Cultura

De como o Gaiás pasou da "fantasía" a ter un "plan" de verdade

Había unha "idea" ou en certo modo "un plano que se ordenaba na fantasía", criticou o conselleiro de Economía, explicando os criterios de control e viabilidade. Pola súa banda, a conselleira de Cultura debullou o proceso de redefinición para a dotación dun proxecto cultural "sólido" para o Gaiás.

Redacción - 15:00 16/11/2007

"Podíase enterrar o proxecto ou aproveitar o iniciado corrixindo todas as deficiencias", indicou a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, no relato da situación atopada polo seu equipo ao respecto da Cidade da Cultura no momento do desembarco na consellaría. "Os despachos estaban baleiros, nin un só papel, nin un só criterio, nada que poida chamarse serio", acusou aos responsábeis anteriores da consellaría. Xustificou a conselleira que "ningún goberno serio" tiraría os centos de millóns comprometidos. Xa que logo, defendeu que a primeira decisión da Xunta ao fío do Gaiás fose redeseñar o proxecto para tratar de rendabilizalo.

Diante do "problema" herdado, indicou Ánxela Bugallo que se elaborou un proxecto cultural real baseado nas "liñas estratéxicas do Goberno". Insistiu ademais no logro de de conseguir implicar no proceso de redefinición "a todos os sectores culturais", nun proceso "participativo" e laiándose de que até ese momento se fixese de costas aos axentes culturais do país.

Vertebración e desenvolvemento
A capacidade do Gaiás de converterse en eixo vertebrador de servizos culturais en Galiza, de ser vehículo de relación e promoción exterior, axente promotor de cultura e activo para o desenvolvemento económico foron os catro obxectivos subliñados por Ánxela Bugallo. Nese contexto explicou que a Cidade da Cultura ofertará recursos que "complementen" a oferta de servizos culturais no país e unha oferta cultural "diversa, de calidade e accesíbel". Ademais, salientou que o novo proxecto non só garante a sustentabilidade económica senón que reforza a capacidade de xeración de riqueza no sector.

"Cambiou a función de cada edificio, e fíxoo porque pensamos que debe estar ao servizo da cultura galega", afirmou Bugallo, subliñando que a redefinición ten que ver "cunha forma de entender a cultura máis propia do século XXI", fronte á visión "decimonónica" anterior. "Fixemos o que faría calquera goberno serio: estabelecer plans directores claros a despregar a través de empresas especializadas ás que fornecemos dunhas liñas estratéxicas concretas", dixo a conselleira.

Novos edificios e "novas funcións"
Ánxela Bugallo aproveitou tamén para lembrar a nova estrutura do proxecto. Recoñeceu ao respecto que, tal e como xa indicara anteriormente no Parlamento, o único "aproveitábel" do esquema deixado polo goberno do PPdeG foi o relativo ao Museo da Historia de Galiza. Sinalou ao fío que é a mesma empresa, "Kultura", consultora especializada en redacción de proxectos de posta en valor do patrimonio cultural, e con longa experiencia no sector, a que leva adiante esta iniciativa, aínda que coas liñas e novas achegas realizadas, especialmente o informe elaborado polo Museo do Pobo Galego.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: