Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
PRIMEIRA CULTURA CONVIDADA SEN ESTADO PROPIO

A cultura catalá na Feira Internacional do Libro de Frankfurt

A mostra editorial máis importante do mundo abre as portas mañá coa cultura catalá como convidada de honra.

Xabier Paradelo - 20:15 08/10/2007

A presenza catalá en Frankfurt concrétase cun investimento da Generalitat de 12 millóns de euros e co paso polo recinto de 1.800 profesionais da industria editorial de Catalunya, de máis de 124 autores e 300 especialistas e mais coa celebración de 140 actos e unha decena de exposicións. Todo un escaparate que tentará mostrar a cultura catalá nunha feira que ten unha extensión de 6 campos de fútbol e pola que se espera que pasen 300.000 visitantes.

O apoio político e institucional ao certame mídese polos pesos pesados presentes. Na fin de semana xa pasaron por Frankfurt os ex presidentes Jordi Pujol e Pasqual Maragall; o presidente da Generalitat, José Montilla, chega o martes ao mediodía para pronunciar o discurso inaugural e pola tarde tamén asistirá o vicepresidente Carod-Rovira. O conselleiro de Interior, Joan Saura, xa está en Alemaña, polo que durante día e medio o govern estará a cargo do concelleiro de Economía, Antoni Castells.

A andaina da presenza catalá en Frankfurt encetárase o ano 2000 cando o daquela conselleiro de Cultura, Jordi Vilajoana, anunciara a intención de propor a candidatura. O Institut Ramon Llull, institución encargada da proxección exterior da lingua e cultura catalás, levou boa parte das xestións dende que se confirmara que a cultura catalá sería a convidada de honra este ano, traballo que se concreta nun programa co lema Cultura catalana, singular i universal. O actual director da institución, Josep Bargalló, tivo que resolver tamén a polémica pola non incorporación de autores cataláns de expresión en lingua castelá, que rexeitaran a invitación.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Deseño de Miquel Barceló para representar a cultura catalá en Frankfurt.
Deseño de Miquel Barceló para representar a cultura catalá en Frankfurt.