Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Viaxe do presidente a Arxentina

Do reparto de cheques á primeira embaixada no exterior

"Consolida unha nova etapa", destacou Touriño da delegación que Galiza estrea en Bos Aires, indicando que remataron "os tempos de reparto de cheques". Mentres, o PPdeG critica a súa proximidade coas oficinas arxentinas do PSOE.

Redacción - 09:30 07/10/2007

"É unha nova casa común de todos, independentemente de como pensen", afirmou Emilio Pérez Touriño durante a inauguración esta fin de semana da delegación que a Xunta abriu en Bos Aires, a primeira "embaixada" de Galiza no exterior, a só 200 metros da sede do goberno arxentino. Destacou Touriño que a oficina estará a menos de 50 quilómetros do 85% dos galegos que residen en Arxentina, e insistiu que é exemplo dunha "nova etapa" que deixa atrás "resignación e illamento de séculos, superando estereotipos".

Anteriormente, Pérez Touriño tamén subliñara que "os tempos nos que o presidente repartía en man cheques en plena campaña electoral pasaron á historia", en referencia a episodios protagonizados por Manuel Fraga na diáspora. Respecto das críticas realizadas polo PPdeG estes días sobre esta inauguración, o presidente pediulle a este partido que "non faga dano" á emigración nun día "tan importante" para Galiza.

Feijoo di que Touriño esqueceu a emigración esta semana no Parlamento
Reprochoulle esta semana o presidente do PpdeG, Alberte Núñez Feijoo, ao presidente da Xunta, que este esquecera facer propostas sobre emigración durante as súas intervencións na Cámara no debate sobre a nación. Por outra parte, Feijoo rexeitou as críticas sobre as prácticas de entrega de cheques durante os gobernos de Manuel Fraga e aproveitou para denunciar actuacións do mesmo tipo por parte de representantes socialistas durante os últimos comicios.

Ao respecto da inauguración da delegación exterior de Galiza en Bos Aires, Feijoo cualificou de "despropósito" a iniciativa. Por outra parte, o deputado popular Castelao Bragaña laiouse de que a Xunta non crease a embaixada no centro galego ou nos arredores deste, mentres Feijoo sinalaba a proximidade da oficina coa que os socialistas teñen na capital arxentina.

O PSdeG di que os populares fan oposición de "titiriteiro"
O voceiro do PSdeG no Parlamento, Ismael Rego, dixo ao respecto das declaracións de Alberto Núñez Feijoo que este fai "oposición de titiriteiro". Opinou Rego que Feijoo e o PPdeG "nunca entenderon a relación coa emigración galega máis que en termos de favores por votos, sen garantir o máis mínimo os dereitos dos galegos residentes no exterior". "As súas limitacións impídenlle valorar o importante papel do presidente da Xunta en política exterior", laiouse Rego.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O presidente da Xunta con Cristina Fernández, candidata a presidir Arxentina /  Foto: Ana Varela
O presidente da Xunta con Cristina Fernández, candidata a presidir Arxentina / Foto: Ana Varela
Fraga e Miras Portugal no Centro Galego de Bos Aires durante unha entrega de talóns (7-11-2003)
Fraga e Miras Portugal no Centro Galego de Bos Aires durante unha entrega de talóns (7-11-2003)