Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
25 aniversario

O BNG recupera o espírito de 1982

Anxo Quintana salienta o obxectivo de que Galiza sexa "un libre espazo de decisión", pero non por medio dun referendo.

Redacción - 09:30 30/09/2007

No acto de celebración do 25 aniversario do BNG, o sábado na Coruña, o portavoz nacional, Anxo Quintana, lembrou que o obxectivo do Bloque é "lograr para Galiza un libre espazo de decisión", aínda que non a través dun plebiscito como o proxectado en Euskadi.

Quintana explicou que o BNG é "anitiimperialista e transformador", e que "o foi, o é e o será". "Uns falan de España, España; outros de Constitución, Constitución; nós falamos de Democracia, Democracia", dixo en referencia ao PP e ao PSOE.

Diante de máis de 1.500 militantes, o portavoz nacional do BNG afirmou que a formación é un "instrumento político para a defensa de Galiza" e "destinado a liderar o país no futuro".

No referente á liña de actuación da fronte, Quintana dixo que "debe ir un paso por diante da sociedade, non cincocentos", porque "non hai ningunha transformación social se non está o pobo detrás". "Cando o BNG é fiel aos seus principios e está na onda da cidadanía, avanza; cando lle damos máis importancia ao que nos gustaría que ao que a xente quere, estancámonos".

Beiras chama á soberanía
No seu primeiro acto público dende hai meses, Xosé Manuel Beiras insistiu na idea de que "é preciso" manter o espírito de 1982 "para acadar a soberanía". "Sendo fieis ás claves" de hai vinte e cinco anos "conseguirase a autodeterminación".
 
Beiras lembrou os conceptos de "irmandade, soberanía popular, democracia participativa, república e esquerda, porque non hai transformación nacional sen un prisma de esquerda", que sentaron as bases da BNG e que, ao seu entender, deben seguir a guiar a súa política.

Xosé Manuel Beiras tamén afirmou que "a emancipación só se pode levar adiante a través dun proxecto común", polo que chamou á unidade do nacionalismo.

Rodríguez: "Non aceptaremos a sumisión a España"
Precedeu a Beiras, que á súa vez falou antes que Quintana, Francisco Rodríguez, secretario xeral da UPG, quen amosou a súa preocupación pola política actual do Bloque, aínda que afirmou que "contamos coa mellor moeda: a unidade do nacionalismo. O que nos salvou hai 25 anos foi a unidade".

Como mostra do que se mantivo no último cuarto de século, Rodríguez salientou que en 1982 "guiámonos pola bandeira da patria galega, e hoxe continuamos fieis á bandeira branca e azul coa estrela vermella, non a 'rojigualda' española". Nese sentido, dixo que "apostamos por convivir, formar parte dunha unidade entre iguais", pero que "non aceptaremos o dominio e a sumisión a España".

Rodríguez fixo memoria e lembrou "o medo e a angustia ante unha situación crítica" dos comezos do BNG, na asemblea fundacional onde "se decidía o futuro do nacionalismo". Logo constatou que se converteu na formación nacionalista de maior antigüidade e que abrangue practicamente todo o espectro ideolóxico.

O acto abriuno o tenente de alcalde da Coruña, Henrique Tello, a quen seguiu Encarna Otero, que fixo un chamamento a "seguir traballando polo soño do Estatuto de nación". Logo, deu paso aos discursos a responsábel de Galiza Nova, Iria Aboi.


5/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: