A libraría especializada en banda deseñada máis antiga de Galiza, celebra os seus 20 anos cunha exposición, conferencias e unha festa.
En 1987 abriu en Compostela a libraría especializada en banda deseñada Komic, a máis antiga do país. Para celebrar o seu vixésimo aniversario, o 3 de outubro inaugúrase unha exposición de Fran Bueno e David Rubín no Centro Sociocultural do Ensanche, e o día 11, no mesmo local, unha conferencia de Álvaro Pons ao mediodía, unha charla coloquio dos autores da exposición ás sete da tarde e unha festa-concerto pola noite na Sala Nasa, coa Banda de Nash. O seu responsábel e fundador é Xosé Barreiro.
Vieiros: Como naceu Komic, nun contexto en que non existían librarías especializadas na banda deseñada?
Xosé Barreiro: Xurdiu por afección propia. Eu era un afeccionado á banda deseñada e tamén debuxaba. Gustábame o medio. Non había nada no mercado e era difícil de conseguir material. Cando abrín a tenda, e tamén polo feito de que era un mercado novo e aberto, a xente estrañábase. Era novidoso, pero non había moito material como para encher a libraría.
V: Nestes vinte anos, houbo dificultades para saír adiante?
X. B.: Si que houbo, sobre todo ao primeiro. Agora estamos bastante asentados. Hai moitísimas publicacións e xa non se vive só do cómic, tamén do merchandising. Tamén hai moitas máis librarías de cómic e é máis fácil atopar material.
V: Cal é o público habitual da banda deseñada?
X. B.: A nosa libraría está máis ben dirixida ao público adulto, de mais idade ca o habitual na banda deseñada. A nivel xeral, o que máis se vende é manga e cómic de superheroes, pero nós traballamos máis a fondo o público adulto, que prefire o cómic europeo. Porén, aquí entra xente de todas as idades, dende meniños dun ano até clientes de avanzada idade, incluso de setenta anos.
V: Como escolleu a Fran Bueno e a David Rubín para a exposición?
X. B.: Os dous, por relación de amizade persoal. Máis a Fran Bueno, que coñezo dende hai moitísimos anos, e tamén a Rubín, aínda que non hai tanto. A proposta que lles fixen foi ben aceptada polos dous. Pareceulles boa idea.