Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
OPINIÓN

E, finalmente, a burbulla estoupou

Estoume a referir á burbulla inmobiliaria-hipotecaria, non á burbulla patriótica-pesimista,que tamén existe. Por Antón Costas, catedrático de Política Económica da Universitat de Barcelona.

Antón Costas Comesaña - 18:30 19/09/2007

Pero malia que o día case nos obriga a mirar para nós mesmos, imaxino que moitos de vostedes, o mesmo ca min, xa o terán visto dabondo. Xa que logo, como diría o presidente José Montilla, falemos dos problemas que realmente temos diante. Neste caso, o medo que se nos meteu no corpo a unha posíbel crise económica.

Os optimistas dicíannos que non había burbulla inmobiliaria; e que, no caso de que a houbese, non estouparía; e que, de estoupar, non tería consecuencias económicas sobre o emprego, as rendas e mais o valor dos inmobles, porque os fundamentos do crecemento económico eran moi sólidos.

Finalmente, a burbulla rebentou. O epicentro foi nos Estados Unidos, mais o seus efectos chegaron até nós. E, contrariamente ao que nos dicían, tivo consecuencias sobre o sistema financeiro e agora ameaza con telas sobre a economía, cunha recesión económica máis ou menos grave.

Por que non se soubo ver a realidade? O que acontecía era que precisamente os optimistas eran os que provocaran a burbulla e se fixeran ricos con ela. E, como non hai peor cego que o que non quere ver, aqueles que tiñan a obriga profesional e pública de vixiar o correcto funcionamento dos mercados e a saúde das institucións financeiras estaban tan implicados na especulación coas últimas innovacións financeiras relacionadas coa débeda hipotecaria que non souberon ver o perigo.

Porén, víase vir. Non facía falla ser un lince ou un experto para predicilo. As burbullas ou manías especulativas seguen unhas pautas regulares ben estudadas. Aos interesados recoméndolles o instrutivo e divertido libro de Charles Kindleberger sobre Manías, pánicos y cracs (Ariel, Barcelona, 1991). Apoiándose en exemplos históricos de todo tipo –os tulipáns, os canais, os ferrocarrís, o estoupido ou a fin dunha guerra, unha colleita abundante ou escasa, o descubrimento de novos territorios, a aparición de inventos tecnolóxicos como Internet, ou as innovacións financeiras que reducen precipitadamente os tipos de interese, como aconteceu agora– documenta as coñecidas sete etapas de toda manía ou burbulla financeira identificadas por Hyman Minsky.

Neste caso a manía apoiouse nun exceso de aforro a escala mundial e nuns tipos de interese anormalmente baixos. O obxecto de especulación foi a propiedade inmobiliaria. E o instrumento foi a innovación financeira relacionada coa débeda hipotecaria.

O xogo comezou da seguinte forma. O diñeiro barato e abundante levou algúns bancos, especialmente en países como os Estados Unidos ou España, a incentivar a xente a endebedarse de máis, mesmo co risco de que as súas hipotecas fosen de má calidade. Os bancos esmiuzaron esas hipotecas en títulos de débeda que venderon logo a grandes investidores e fondos de investimento de alto risco. Estes fondos, pola súa parte, pediron créditos aos bancos para poder mercar máis débeda hipotecaria da que lles permitían os seus propios recursos. Estes fondos cotizaban nas Bolsas, e as súas accións sufriron unha forte revalorización. A cousa aparentaba funcionar, e todos estaban ledos cos novos prodixios do capitalismo financeiro.

Unha vez comezada, a burbulla especulativa ten unha gran capacidade de contaxio social porque, como sinalou Minsky, “non hai nada tan molesto para o benestar e mais o bo xuízo dunha persoa como ver un amigo facerse rico”. Como en Europa e en Asia había un exceso de aforro que non atopaba inversións rendíbeis nos seus países, as institucións financeiras europeas non quixeron quedar á marxe e apuntáronse á festa.

Os analistas e mais as axencias de rating, malia teren a función de analizar a calidade da débeda e advertir de potenciais perigosos, non viron nada arriscado. E aínda que as autoridades monetarias contemplaban con temor a orxía, non podían intervir. Por unha banda, porque os fondos escapaban ao seu control. E por outra, porque os bancos máis comprometidos coa especulación e con maior risco crearon fondos de investimento, financiados por eles mesmos, pero que estaban fóra do balance do banco.

Finalmente, a burbulla estoupou.

E agora que? O risco para a economía é que se produza unha seca completa de crédito para familias e empresas, de xeito que se reduzan a actividade económica e mais a creación de emprego. E os bancos son agora remisos a conceder crédito porque non son quen de avaliar aínda cal é o risco real despois da explosión da burbulla.

Nesa situación, no momento en que o mercado de crédito falla, é cando deben entrar en acción as autoridades monetarias, subministrando o crédito necesario para evitar que o estoupido da burbulla se transforme nunha crise de crédito e nunha posterior crise económica. Pero, asemade, deben permanecer xordos aos cantos das sereas enlamadas que agora fan ouvir as súas voces pedindo que alguén saia ao seu rescate empregando para iso recursos públicos. É dicir, os cartos dos contribuíntes, que serían ao cabo os que terían que pagar os excesos da festa.

Acudir ao rescate dos que se enriqueceron coa especulación sería unha má ensinanza. Estariamos fomentando o que os economistas chaman condutas de risco moral: sabendo que os riscos das miñas imprudencias ao final van ser cubertos por outros –polo papá Estado, é dicir, polos contribuíntes– non lles vou ter medo ningún ás consecuencias da imprudencia.

Un médico ou calquera outro profesional saben que se actúan de forma imprudente poden ter que pagar económica e penalmente por esa conduta. Non pode ser que este principio rexa para todos os profesionais agás para os banqueiros e mais os financeiros.

De sabérense aproveitar, as crises son saudábeis. Se cadra por este motivo organismos como o Fondo Monetario Internacional e banqueiros asisados falan das virtudes desta crise, no sentido de recuperar o santo temor ao risco e á creba.

Pola contra, se as autoridades ceden ao pánico que agora pregoan os antes optimistas e saen ao seu rescate, o que estarían a facer é alimentando a seguinte burbulla, que posibelmente se estea incubando nas materias primas e nalgúns produtos agrarios.

[Texto publicado na edición de Cataluña de El País (11/09/2007) e verquido ao galego coa autorización do autor.]

Tradución: Esteve Valls


4.91/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: