Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Xosé María Lema, do Seminario de estudos da Costa da Morte

“Queremos que se poñan en valor os monumentos megalíticos”

Máis de medio cento de persoas da Costa de Morte participou entre o 18 e o 25 de agosto nunha viaxe de Rens a Rennes, na ruta do megalitismo atlántico.

M. del Río - 17:25 28/08/2007
Xosé María Lema / Foto: aelg.org

Xosé María Lema / Foto: aelg.org

Membros do Seminario de estudos comarcais para a preservación do patrimonio da Costa da Morte e participantes no Simposio Internacional de Megalitismo que se desenvolveu en Carballo en xullo de 2006 fixeron unha longa peregrinación cara á capital da Bretaña (Breizh, en bretón) para coñecer o seu patrimonio arqueolóxico.

Xosé María Lema, presidente do Seminario, foi un dos participantes na viaxe, que contou cun guía de luxo, Charles-Tanguy Le Roux, que fora conservador xeral de patrimonio da Bretaña. Como explica Lema, “a idea xurdiu no simposio O patrimonio megalítico da Costa da Morte no seu contexto atlántico. Le Roux estivo como conferenciante, e ofreceuse como guía. A idea foi madurando, porque na Costa da Morte estamos moi centrados na defensa do megalitismo, e en conseguir que a Consellaría de Cultura faga realidade o parque do Megalítico”.

"Na Bretaña estes bens protéxenos con interese turístico, mentres que en Galiza non se fai"
A semellanza entre os topónimos de Rens, un lugar de Vimianzo de apenas 60 habitantes, e Rennes (Roazhon, en bretón), capital da Bretaña, fixo que fosen o comezo e o final da viaxe. Ademais, Rens atópase equidistante entre Vimianzo, o punto de partida, e o dolmen de Dombate, e Rennes non está lonxe de La Roche-aux-Fées, a catedral dos dolmens bretóns, practicamente contemporánea da catedral das antas da Costa da Morte.

Conta Lema que o éxito da convocatoria foi total, pois as 56 prazas do autobús enchéronse axiña “sen ter que publicalo na prensa”. Esta é a crónica da súa viaxe: “Entramos polo sur da Bretaña, en Vannes (Gwened), no golfo de Mor-Bihan, unha zona moi importante dende o punto de vista arqueolóxico. Ademais da visita á cidade, moi ben conservada, fomos en barco á illa de Gavriniz, onde se atopa un importante cairn. Os cairn son como túmulos ou enormes mámoas. O dolmen do interior do cairn de Gavriniz ten as lousas totalmente decoradas. Le Roux ensinounos no interior ese significado dos símbolos. É un dolmen no que se pode entrar, a diferenza dos nosos, que son máis pequenos. Despois visitamos outro cairn, o de Petit-Mont, en Arzhon-Rewiz, outra especie de mámoa que ten introducido un búnker alemán da Segunda Guerra Mundial. Os alemáns empregaron a estrutura megalítica como defensa.

“O segundo día visitamos Karnag. Alí estivemos no Museo da Prehistoria. A directora, Emmanuelle Vigier, é coñecida de Le Roux e entregámoslle a versión en francés d'Os dolmens da Costa da Morte, da miña autoría. Fomos ver tamén os famosos aliñamentos de menhires, que en total supoñen catro quilómetros en liña. En Lokmaria-Kaer visitamos un gran menhir, que está roto e que de pé tería medido 20 metros. A súa particularidade é que xa fora derrubado e reciclado na época prehistórica para formar parte dun dolmen. No mesmo concello estivemos tamén na Table des Marchand.

A terceira xornada desprazámonos ao departamento de Finistère (Penn-ar-Bed), a zona máis bretoa e onde se fala máis a lingua celta, e visitamos vilas como Kemper e Lokorn, e os calvarios de cruces de pedra. E o día 23 xa vimos o gran menhir de Kerloas, o máis grande dos que se conservan, de dez metros de altura, en Plouarzhel. A costa noroeste da Bretaña, a de Léon, ten moitas semellanzas coa Costa da Morte, con lendas de naufraxios. E coñecemos outra das marabillas do mundo prehistórico, o cairn de Barmenez, que se descubriu cando se abriu unha canteira. É un túmulo con sete ou oito dolmens e máis antigo ca as pirámides, construído entre o 4.500 e o 4.000 antes de Cristo.

A nosa seguinte parada foi Brest. Alí visitamos máis calvarios, que están dentro das parroquias rurais da Bretaña. Xa nos son coñecidos en Galiza porque Castelao debuxara eses cruceiros n'As cruces de pedra na Bretaña. O 24 de agosto visitamos a costa do granito rosa, que ten paralelismo na Costa da Morte. Aquí tamén temos unha, entre Vimianzo e o Cabo Vilán, e o mineral tamén se atopa no Monte Pindo”.

"Temos o desexo de seguir chamando a atención das autoridades para que se poñan en valor estes monumentos"
Pero hai enormes diferenzas entre como se protexe o patrimonio na Bretaña e en Galiza: “Na Bretaña estes bens protéxenos con interese turístico, mentres que en Galiza non se fai. En Vimianzo até queren facer unha canteira sen ter en conta a destrución que iso supoñería. Incluso eu diría que esa costa nosa do granito rosa é moi superior á bretoa, con zonas virxes que alí xa non quedan. Eles tamén teñen canteiras, pero non están á vista, e non as consenten en espazos paisaxísticos. Aquí existe unha proposta de Carlos Aymerich, do BNG, de declaración de monumento natural para os penedos de Traba e Pasarela, que leva dous anos aprobada en comisión pero aínda non se lle deu o visto e prace no pleno”.

A viaxe, que comezara en Rens, rematou en Rennes, cunha homenaxe moi especial. “Fixémoslle unha cerimonia de agradecemento ao noso guía, Le Roux, a quen lle entregamos o álbum de fotos do simposio e o texto de homenaxe, que tamén recibiu Antón Rodríguez Casal, arqueólogo da USC e membro do Seminario. El escavou na Bretaña e coñécea moi ben, polo que tamén nos fixo de guía.

Ao día seguinte, regresamos a Galiza, pasando por unha galería dolménica descomunal, duns 20 metros de dolmens xustapostos, La Roche-aux-Fées, a uns 25 quilómetros de Rennes, que supoñía a final da viaxe. Na Bretaña atópanse todas as tipoloxías de dolmens, mentres que en Galiza non temos tanta variedade”.

Lema confía en que as viaxes continúen, tamén cunha función reivindicativa: “Temos o desexo de seguir chamando a atención das autoridades para que se poñan en valor estes monumentos. Mentres, nós seguimos na nosa ruta do megalitismo atlántico. As próximas visitas serán o Val de Salas, no sur de Ourense, e tamén estamos convidados a visitar o patrimonio megalítico da zona do Alentejo da man de Goretti Sousa. A xente quedou moi contenta coa viaxe. A directora do museo de Karnag, Emmanuelle Viger, manifestou o seu desexo de visitar Galiza”.


4.77/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Charles-Tanguy Le Rux explicando no interior do cairn de Gavriniz / Foto: X. Mª Lema
Charles-Tanguy Le Rux explicando no interior do cairn de Gavriniz / Foto: X. Mª Lema
Vista parcial do aliñamento dos menhires de Karnag-Kermario / Foto: X. Mª Lema
Vista parcial do aliñamento dos menhires de Karnag-Kermario / Foto: X. Mª Lema