Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
Teresa Moure, escritora

"A tenrura é un valor profundamente revolucionario"

A escritora Teresa Moure protagoniza o novo número de ProTexta, o suplemento de libros da revista TEMPOS Novos, cunha entrevista de Xabier Cid ilustrada por Tamara de la Fuente.

TEMPOS Novos - 14:00 22/08/2007

Facerlle unha entrevista a Teresa Moure era unha proba difícil, e xa me precaviran. De feito, o encontro entre entrevistada e entrevistador, mantido nun pequeno despacho dunha facultade de mañá cedo, oscila imprevisibelmente entre o enfado e a tenrura. Un dos momentos de enfado aparece cando o entrevistador fala do "fenómeno Teresa Moure". "Unha persoa", apón bruscamente ela. Que leva razón é obvio, pero tamén o é que Teresa Moure, autora de Herba moura e da máis recente Benquerida catástrofe é neste momento a airexa máis radicalmente nova da literatura galega. As súas obras cóntanse por premios, as súas vendas son todo un record no contexto (seis edicións de Herba moura, traducida xa a seis idiomas, por exemplo), e a xente aí fóra empeza a recoñecer o seu nome canda o doutros que son máis vellos e levan máis anos. As paixóns sucédense, písanse, contradinse: todo o mundo ten algo que dicir sobre Teresa Moure e as súas obras. Por que? É cuestión de maxia ou cuestión de forza?

Dise en Benquerida catástrofe: "se hai algo que non aturo é o romanticismo". Pero esta é unha novela de amor.

Supoño que unha das lecturas da novela é a da defensa do amor verdadeiro, do amour fou, do amor que non é un niño burgués senón un remexerse interiormente, do amor que é unha revolta interior e que chega ao número primo esencial que temos por debaixo das nosas vestimentas. Marisa é a representación do amor verdadeiro, porque cando Adam chega á súa consulta a ela gústalle, gústalle como un home atractivo e moi viril, e apetécelle ter un lío con el. Pero quince días despois chega con outra aparencia, e ela segue conmovida por el e aposta por estar con el no medio dese proceso ou progreso de Adam que non sabemos onde vai dar. Así que é unha persoa que decide apostar por esa revolta interior súa, súa, de Marisa, independentemente das categorías, do que dirán, das etiquetas. Supoño que iso é o amor verdadeiro.

A voz narradora tamén di referíndose ao propio Benquerida catástrofe: "non é manifesto ningún".


E si é, non?

Non quería entrar niso... Querías romper cunha liña anterior de manifestos?

Non sei como contestarche.

Ti querías que Benquerida catástrofe non fose un manifesto? Notas niso un troco con respecto á túa traxectoria de antes?

Non sabería dicirche. Ademais, o que diga a narradora nalgún momento tampouco é o que diga eu. Na novela hai unha narradora moi pizpireta que coquetea co lector, que quere provocar preguntándolle se é lector ou lectora, se está cómodo na súa pel... Nesa provocación di moitas cousas que eu non subscribiría. E isto en concreto do manifesto non sei se eu o diría. Pero en relación ao carácter de manifesto... eu creo na literatura con ideas! Podes facer literatura de moitas maneiras, e é perfecto que a literatura busque a pura diversión, pero a min sáenme as obras fundamentadas en cousas que quero defender. E pode que diso derive un certo ton de manifesto. Nunca o pensara. Pero si, Benquerida catástrofe está sustentada en ideas.

Toda a narrativa está sustentada en ideas, ou?

Non necesariamente. Pode ser diversión, pode ser unha trama...

Iso tamén é unha idea, non?

Cando digo ideas estoume referindo a ideas máis filosóficas...

Pois se falamos de novela cun fin moi claro de "quero demostrar esta teoría", cres que neste caso hai menos vontade de transmitir unha mensaxe concreta ca en Herba moura, por exemplo?

Non. É outra idea, unha idea distinta. Pero si hai vontade de transmitir unha idea.

Na novela escenifícase un combate entre a opción bioloxista (somos así porque a natureza nos fixo así) e a opción do comportamento ("un elixe baixo que pelexo se envolve"). Daquela nacemos ou facémonos? Non é un debate vello?

Non sei se é un debate vello. Supoño que a novela ten detrás o arrebato da teoría queer, que tampouco é unha teoría de hai tantos anos e que por aquí foi moi pouco transitada. Non sei tampouco se se chega a producir esa loita entre o biolóxico e o construído. Creo que na novela hai unha tese moi forte a favor de que somos construídos. O único bioloxista é que revisito continuamente o mundo dos animais, porque as liberdades sexuais, por exemplo, ou a identidade sexual, se negocian case sempre sobre o feito de sermos independentes da bioloxía. Temos que escapar do teito biolóxico, aínda que eu non estea a favor de escapar totalmente: somos uns bechos, somos animais, e tamén o reivindico. Por iso tamén se xoga coa aparición de contos onde lles pasan cousas aos animais e á natureza en xeral. Pero non creo que haxa moito combate: defendo moi fortemente a idea de que a identidade se constrúe.

Pero en Herba moura...

Herba moura
é outro mundo. Estamos a falar de Benquerida catástrofe.

Xa. Pero en Herba moura hai un forte papel da maternidade. E a maternidade, aínda que sexa un construto, parte dun feito biolóxico.


A ver, ou falamos das ideas ou falamos das novelas, porque para min son dúas cousas distintas. A maternidade é unha construción social, non é algo biolóxico. Hai moitas persoas que son nais independentemente de non ser mulleres, ou de non pariren nunca. Hai moitas mulleres que pariron e non son nais, aínda que exerzan socialmente como nais. É un tipo de construción independente. Outra cousa é que eu non lle podo calzar ese concepto de maternidade do século XXI a Helène Jans, que é unha muller do XVII, así que entón abrolla aí un modelo de maternidade onde ti ves como lector e eu como autora unha nai que chora a súa filla. Pero esa non é a idea que eu subscribo...

Tamén penso por exemplo en cando narras un parto ao abrir As palabras das fillas de Eva.


As Palabras das fillas de Eva empeza cun parto como unha provocación, porque o feminismo oitenteiro, ou setenteiro máis ben, construíu un modelo social onde as mulleres querían ser homes. Era o modelo da igualdade e polo tanto as mulleres conseguían a súa liberación e emancipación na medida en que se apartaban dese teito biolóxico que diciamos antes. Claro, as mulleres formadas nesa época son as mulleres que están agora como referentes sociais, e quería desafiar un pouco iso: pódese ser feminista de moitas maneiras. Eu son feminista pero podo empezar contando una experiencia tan biolóxica, tan afastada de... como esa, para reiventar despois o que eu quería defender. Así que había unha provocación.

Algunhas feministas dicíanme estes días que non podían entrar pola figura da muller como nai que lles propuña Teresa Moure. Nese modelo de feminismo a provocación fixo ferida.

Nunca tiven idea de ferir. Unha cousa é provocar e outra ferir. Eu quería defender que existen outras posibilidades e versións, que existen diferencias. Se o movemento feminista consiste en algo que só lles interesa ás mulleres e onde as mulleres teñen que sacar o corsé de ser nais, ou de axustarse aos moldes tradicionais, volvemos á uniformización. Primeiro todas tiñamos que ser nais, despois ningunha ten que ser nai. Antes todas tiñan que dedicarse a determinadas cousas, agora ningunha se dedica a esas cousas. Só era unha aposta pola diversidade. A min gústame a diversidade. Creo que esa é a idea liberadora para todos e para todas, e aí interésame moito o de marcar con arroba, porque creo que o tema do parto, por exemplo, pode ser perfectamente lido por un home. Non estou a facer un gueto para rapazas ou para mulleres. Sempre limos a autores que escribían sobre experiencias que non tiñan: Tolstoi non foi a ningunha guerra e escribiu Guerra e paz, e podemos lela, e podemos gozar dela. Non se trata de contar as miñas experiencias na literatura, non é iso. Non necesitas ser igual ca min ou estar nos mesmos sitios ca min para entender ese mecanismo literario. Funciona se emociona, funciona se che evoca algo, funciona se che vale como transmisor de ideas...

Agradéceslle no libro a Goretti Sanmartín que che dera a afouteza de ser autora e non autor@. Iso que vén sendo?

Goretti Sanmartín é unha coñecida feminista, así que cando eu aparezo como autora feminista, ou como autora, Goretti é unhas das voces que dixo, si, somos diferentes, está ben, asumo ese discurso. E provocoume un pouco: atrévete a ser máis diferente, a marcarte máis como autora, atrévete a reivindicar a tenrura, o valor feminino por excelencia.

Valor feminino por excelencia?

Na sociedade había uns valores que eran tradicionalmente de homes e outros tradicionalmente de mulleres. Iso son roles, unha asignación convencional que di que os rapaces son guerreiros e as rapazas choronas. Chega un momento en que o feminismo di: non, queremos deixar de ser choronas, queremos ser todos iguais. Isto foi moi importante, pero o resultado social dese proceso non está sendo moi bo. As mulleres sobrecárganse de tarefas para ser tan tíos coma os tíos, pero non sempre os homes mudan algo ou mudan moi pouco. As mulleres teñen que ser excelentes amantes, excelentes chicas, excelentes mamás se corresponde, excelentes profesionais, estar sempre perfectas. Iso crea unha serie de tensións nas mulleres moi fortes. O modelo da igualdade non é o todo do feminismo. Hai versións que aparentan máis conservadoras pero en realidade son máis radicais: "non, espera, ti mira quen queres ser". Ese modelo de feminismo iría dirixido tanto aos homes como ás mulleres. Ti non por ser home es alleo á loita feminista, como non por ser branco es alleo á loita contra o racismo. Ese modelo de feminismo aténdenos a todos. Pero ademais permite que te constrúas nunha certa liberdade persoal, ou sexa, as mulleres, e isto é a tese d'As Palabras das fillas de Eva, as mulleres antes vivían nun gueto, e nese gueto desenvolvían valores. É certo que as mulleres só desenvolvían traballos domésticos, pero tamén é certo que algúns valores eran alternativos aos da cultura masculina, a do mercado, a competitiva...

Vale, pero falabas de tenrura.


Si, claro, as avoas tiñan valores como a tenrura. A tenrura cando a canta Lluís Llach é un valor profundamente revolucionario porque se opón ao fascismo pero tamén á insulsez do políticamente correcto. Para min é un valor importante, e cando coñecín a Goretti Sanmartín sorprendeume que moitas mulleres moi trilladas no feminismo tivesen moi claro que era un valor co que se identificaban, e que quixesen femineizar o mundo nese sentido. Querían, por que non, construír sobre eses valores, que son alternativos porque quedaron por debaixo do dominante. Cando recibo ese pique de Goretti, de "atrévete", penso: estábasenos pedindo que fósemos autor@s, onde podía haber homes e mulleres debaixo da @, pero ás veces necesito ter unha forza en feminino, necesito dicir que os homes non son o meu estándar, que non son o estándar da humanidade. Hai humanidade moi variada e atrévome a marcar a miña variedade. E por iso ás veces son autora. Con a. Implica unha certa valentía, porque podes ser lida en clave conservadora cando é absolutamente o contrario. E o que me molestaría, máis cá etiqueta de conservadora que supoño que cae polo seu peso, é que as mulleres pensasen que se lles está pedindo que entren por un aro cando o que se lles está pedindo é que tiren cos aros.

A entrevista completa, na edición impresa de ProTexta, xa nos quioscos xunto coa revista TEMPOS Novos (nº 123, agosto de 2007)


3,08/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Capa de ProTexta, o suplemento de libros de TEMPOS Novos
Capa de ProTexta, o suplemento de libros de TEMPOS Novos
Teresa Moure, no seu despacho de Filoloxía
Teresa Moure, no seu despacho de Filoloxía
A autora de "Herba moura", nun intre da entrevista
A autora de "Herba moura", nun intre da entrevista