Os xoguetes formaban parte do cargamento dun barco chinés que sufriu un accidente no Pacífico en 1992.
Miles de parrulos de goma achéganse ás costas británicas despois dunha viaxe de quince anos. Os xoguetes de baño, que comparten viaxe con tartarugas e ras do mesmo material, levan viaxando polo mundo adiante dende o ano 1992. Naquela ocasión, o barco en que eran transportados dende a China até os Estados Unidos rompeu a causa dun forte temporal.
Agora, despois de varias voltas ao mundo a través do Océano Ártico, e de teren pasado pola costa leste dos Estados Unidos, Islandia, Groenlandia, Hawai e Canadá, e de teren estado conxelados durante algún tempo nas zonas glaciais, os parrulos chegarán nuns días a Cornualles e logo ás costas occidentais de Gran Bretaña e Irlanda.
Aínda que non consta que se teñan visto por Galiza, tamén existe a posibilidade de que se acheguen ás nosas, costas, pois están a viaxar arrastrados pola corrente do Golfo de México, que desemboca na costa occidental europea.
Os parrulos son doados de recoñecer porque a súa cor amarela orixinal destinxiu, e actualmente son brancos. Outra proba de autenticidade é a marca que levan inscrita: The First Years. A empresa fabricante ofrece unha recompensa de 50 libras esterlinas (74 euros) por atopar un pato, aínda que os coleccionistas poden chegar a pagar dez veces máis.
A historia deste cargamento fíxose famosa non hai moito porque os parrulos se converteron en protagonistas dun anuncio de televisión: