Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PREMIADO POLA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

O primeiro queixo de untar galego será bo para o colesterol

Invisten 1,4 millóns nunha aldea de Lugo para producir o novo Quesicrem. A incapacidade do agro para desenvolver produtos de alto valor engadido é unha dos problemas.

Manuel Vilas - 18:01 04/06/2007

A empresa Innolact acaba de gañar o segundo premio que organiza a Universidade de Santiago aos emprendedores. Fundada dende a Aula de Produtos Lácteos de Lugo, esta compañía está a construír unha planta nunha pequena aldea de Lugo para producir o primeiro queixo de untar fabricado en Galiza. Trátase dun avance importante neste campo, pois a incapacidade do sector leiteiro galego para lanzar ao mercado produtos de alto valor engadido é un dos factores que está a contribuír a súa crise.

Ademais, o primeiro queixo de untar galego ten a vantaxe que é bo para o colesterol, segundo explica o xerente da firma, Jesús Zapico, nunha entrevista co portal Emprendia:

Déronlles un premio de emprendedores, cando o seu principal produto é o queixo crema. Que ten iso de innovador?

A nosa innovación ten dúas liñas. Por unha banda, a materia prima non é leite, se non leite mazado ou leite de manteiga. Pola súa composición química ten uns efectos beneficiosos para a saúde. Por exemplo, é bo para controlar a absorción do colesterol e favorece a prevención do cancro de colon, tal e como mostraron varios estudos científicos. En segundo lugar, a tecnoloxía de fabricación é nova.

É moi sorprendente un queixo que sexa bo para o colesterol ...
Si, pode parecelo; pero hai que ter en conta que un dos factores que inflúe no colesterol é o tipo de graxa que comemos, e no caso da do noso queixo é positiva.

Van vostedes producir e vender directamente ao público?
Nas próximas semanas empezaremos a producir na nosa planta de Castro Ribeira de Lea. Teremos varias gamas de produtos, unha para hostalaría, porque o noso produto é máis adecuado para a produción industrial de sobremesas que outros queixos. Despois abriremos outra liña diferente, en dous meses sacaremos unha marca, Quesicrem, para vender caixas de 200 gramos ao consumidor final.

A súa empresa aborda un dos problemas do sector lácteo galego, que é a incapacidade de crear novos produtos con moito valor engadido ...

Si, pero hai que ter en conta que quedan moi poucas compañías con capital galego no sector. As grandes empresas, as que poden facer innovación, non teñen capital de aquí, menos Feiraco, e céntranse no leite líquido. Tamén hai empresas galegas en sectores como os queixos e os iogures, pero a súa capacidade técnica e a súa filosofía de innovación é limitada.

Teñen 28 socios na empresa, sorprende unha cifra tan elevada ...

Somos tantos porque a empresa nace do Aula de Produtos Lácteos de Lugo, e deuse oportunidade de participar a todo o persoal que colaborou dalgún xeito no desenvolvemento do produto. Destes, aceptaron vinte, e os oito restantes temos perfís moi diversos, como comerciais, industriais, etc.

Cales foron as principais dificultades que tiveron que vencer para montar a empresa?
Non tivemos demasiados problemas, porque gozamos de moitos apoios, sobre todo desde a universidade. A principal barreira é solicitar o diñeiro necesario, porque é un investimento moi importante na planta, de máis de 1,4 millóns de euros. Custounos, pero finalmente conseguimos xente que nos apoia. Na planta esperamos contratar catro operarios, ademais das tres persoas que xa traballan na dirección da empresa.

Que consello lle darías aos investigadores que están sopesando montar unha empresa, como vós?
Creo que desde a universidade hai que achegar algo máis á sociedade que só investigación. Pode saír mal, pero nesta vida hai que aspirar a algo máis e arriscarse.


4,54/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: