Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

Touriño: "O cambio avanza, o cambio fortalécese"

Ás 23.45, o secretario xeral do PSdG e presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, fai a súa agardada aparición, nun ambiente triunfal e de celebración. Salientou o grande avance cara ás maiorías de progreso nas sete cidades, e a elevada participación. "Esta é unha noite electoral que recordaremos durante moitos anos".

Lara Rozados - 00:00 28/05/2007
Emilio Pérez Touriño na súa comparecencia

Emilio Pérez Touriño na súa comparecencia

O presidente comezou a súa intervención felicitando á cidadanía galega polo seu civismo e pola participación, máis alta cá media estatal. "Fumos o partido que máis concelleiros e votos subiu, en definitiva, o partido con maior apoio popular". O secretario xeral do PSdG recalcou que os cidadáns outorgaron co seu voto maiorías de progreso nas sete cidades, e en seis delas gobernará un alcalde socialista (agás en Pontevedra, onde continúa Miguel Anxo Fernández Lores ao fronte do BNG). "Conseguimos abrir moitas vías de progreso, e contaremos con alcaldes socialistas onde antes gobernaban populares", afirmou referíndose a Ferrol, onde o PSOE duplicou o número de concelleiros, Ourense e Vigo. "Os galegos e galegas sumáronse ao progreso non só na rede de grandes cidades, senón nos pequenos e medianos concellos. Se tivera que escoller unha palabra, diría que o cambio avanza, o cambio fortalécese."

Touriño felicitou a todos os militantes e aos concelleiros electos, "seguro de que van facer un bo traballo", e, como presidente da Xunta, felicitou tamén a todos os cidadáns. "Galiza avanza, aspira a conseguir un mellor futuro". O presidente sinalou tamén que esta noite superáronse ampliamente as perspectivas, e, sobre a perda da maioría absoluta da Coruña, Lugo e Compostela, afirmou "hai quen ve a botella medio chea e quen a ve medio baleira. Eu prefiro vela medio chea e felicito a Orozco, Bugallo e Losada. Os cidadáns optaron por non outorgar maiorías absolutas, e saíron de novo tres candidatos que son tres grandes alcaldes". Sobre os resultados para o Bloque Nacionalista Galego, respondeu "non é día para dicir o que lle pasou ás demais forzas. O PSOE comprobou como, grazas ao afecto, apoio e confianza da cidadanía, sobe de forma significativa. Sobre o BNG, valorará o seu líder". Anxo Quintana fixo xa a súa comparecencia media hora antes, e valorou postivamente os resultados desta intensa xornada electoral.



5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: