Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

A evolución das urnas durante as décadas de hexemonía conservadora

Velaquí un gráfico onde poden ver as tendencias do electorado en cada unha das citas coas urnas municipais dos últimos vinte anos.

Redacción - 13:16 26/05/2007

Picando sobre cada un dos anos poden ver os datos en detalle: a cifra de votos de cada formación política, porcentaxe sobre o total e número concreto de concelleiros conseguidos por cada un dos principais grupos nos municipios do país.


Os cinco últimos comicios locais dan boa mostra da hexemonía conservadora nos concellos. Porén, as gráficas non deixan lugar a dúbidas. A dereita, sofre un retroceso evidente dende que en 1995 lograra os seus mellores resultados históricos achegándose ao 48% dos votos totais emitidos. O PPdeG vivía daquela, co tridente Cuíña-Cacharro-Baltar, os seus tempos de gloria. O chamado “sector da boina” controlaba o aparato do partido en Galiza. Curiosamente, na seguinte cita electoral (1999), con Aznar xa instalado na Moncloa, comeza a evidenciarse a caída.

Os pequenos municipios seguen mantendo a hexemonía conservadora pero xa a esquerda comeza a entra con forza en vilas e cidades. Os pactos entre PSdeG e BNG deixan os populares na oposición das principais urbes do país. En 2003, logo do Prestige e das continuas crises internas da dereita, prodúcese unha nova baixada de votos. Os populares retroceden a niveis porcentuais parellos aos que tiñan en 1991 (cando aínda estaba no goberno o tripartito). A tendencia pode acentuarse este domingo.

Despois da travesía no deserto
Os socialistas lograron en 2003 máis de 453.000 votos, o mellor resultado do PSdeG dende 1991 (441.467), ano no que aínda presidía a Xunta Fernando González Laxe. Os resultados chegaban logo dunha longa travesía no deserto. A caída de Laxe deixou sen un liderado claro aos socialistas. As pugnas internas e a perda do goberno estatal axudaron a abrir múltiples feridas en agrupacións locais. A chegada de Touriño, e a entrada na Xunta, semellan terlle dado estabilidade aos socialistas.

Unha tendencia sempre ascendente
O BNG é a única formación que presenta unha clara liña ascendente nos últimos cinco comicios tanto no número de votos coma nas porcentaxes. Dende 1987 até 2003, os nacionalistas multiplicaron por cinco o número de sufraxios nas municipais, unhas eleccións que sempre lle custaron o seu traballo ao BNG. Os comicios de 1995 marcan un claro punto de inflexión que volve darse en 1999 e que se consolida con outro medre en 2003.

O optimismo da formación nacionalista de cara o domingo é evidente. Por primeira vez na historia, o BNG ten responsabilidades no Goberno galego e ademais consegue presentar candidaturas nos 315 concellos do país.


4.35/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: