Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Bloquean a primeira carga para Reganosa

As lanchas marisqueiras impídenlle o paso ao gaseiro 'Galicia Spirit'

O Comite Cidadán de Emerxencia xa mobilizara a cidadáns e sector o domingo. As lanchas volveron saír a primeira hora deste luns para impedir o paso do barco.

Redacción / EP - 11:00 07/05/2007

O buque fletado por Fenosa deu a volta durante a mañá deste luns e despois de topar coas barcas dos mariscadores ferroláns que foron atrás del durante un treito em dirección ao porto exterior.

O Comité Cidadán de Emerxencia denunciou este domingo que un gaseiro con destino a Reganosa pretende entrar de xeito ilegal na ría de Ferrol cargado con gas natural licuado, polo que un grupo de mariscadores se concentrou nas súas embarcacións no interior da ría.

Segundo confirmou o coordinador do colectivo, Carmelo Teixeiro, o gaseiro Galicia Spirit, con capacidade para 140.500 metros cúbicos de gas natural licuado, pretende "entrar ilegalmente". En declaracións a Europa Press, o patrón maior da Confraría de Mariscadores de Ferrol, Bernardo Bastida, indicou que unha trintena de embarcacións saíron á ría a primeira hora do domingo e sobre as 8.00 horas regresaron a porto.

Bastida explicou que o citado gaseiro "carece dos permisos necesarios" e afirmou que as confrarías da ría non foron consultadas da presenza do barco. "As autoridades están a cometer unha ilegalidade", denunciou. Nesta liña, o Comité Cidadán de Emerxencia insistiu en que se o gaseiro 'Galicia Spirit' entre dentro da ría "cometerá unha ilegalidade" e, segundo subliñou, "o que é peor, será unha ameaza á vida da poboación".

Por outra parte, Os Verdes acaban de esixir que se faga público o informe de riscos que a lei esixe para plantas como a de Reganosa en Ferrol. Nun comunicado de prensa, citan as palabras do presidente de Reganosa, Félix Alonso, quen afirmou que se eliminaron "os riscos que se puido" e, os que non, "reducíronse ao máximo". Diante desas afirmacións, a formación política insiste en que, das palabras de Alonso, se desprende que a "única opción factíbel" é afastar a planta de núcleos habitados "para evitar os riscos dunha posible combustión" na súa actual situación.


4,55/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: