Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS EN FRANCIA

Sen apoios do nacionalismo vasco, corso e bretón

Batasuna, Emgann e Corsica Nazione apostan pola abstención ou o voto nulo reivindicativo na segunda volta das presidenciais francesas.

Redacción - 13:00 05/05/2007
Os franceses terán que elixir este domingo entre ambos candidatos

Os franceses terán que elixir este domingo entre ambos candidatos

Os movementos nacionalistas vascos, bretóns e corsos fixeron pública esta semana a súa decisión de non apoiar ningunha das dúas candidaturas que optan á presidencia de Francia nas eleccións deste domingo. Nin Ségolène Royal nin Nicolás Sarkozy contarán cos votos dos simpatizantes da legal en Francia Batasuna, dos bretóns Emgann ou dos corsos Corsica Nazione. As tres formacións coincidiron nesta segunda volta á hora de reiterar a súas posición contrarias ás dúas candidaturas xa que son “representantes dun Estado xacobino e centralista”.

Na primeira volta, a ponla de Batasuna en Iparralde e Corsica Nazione chamaron á abstención xa que consideraban que as elección francesas non eran propias. Nesa mesma liña situáronse os bretóns de Emgann, que pediron que os seus simpatizantes introduciran na furna unha papeleta nula cunha bandeira da Bretaña.

Segundo estas formacións, nin Sarkozy nin Royal responderon as demandas recollidas na Declaración de Corte, subscrita por nove grupos políticos o pasado verán. Nela, “as nacións sen Estado baixo tutela francesa” reivindican o dereito á autodeterminación, a aceptación dos seus pobos como “nacións de pleno dereito”, un marco “institucional e oficial” para o desenvolvemento das súas linguas e culturas así como do ámbito social e económico.

Segundo Jean-Claude Aguerre, portavoz de Batasuna en Francia, “ningún voto pode ir a ningún dos dous candidatos”, e advirte que o elixido terá que “pór na súa axenda os dereitos das nosas nacións e afrontar esta problemática” xa que “esta actitude de rexeitamento non pode continuar”.

Abstención ou voto nulo

De cara aos comicios deste domingo, Batasuna propón dúas posibilidades, a abstención, opción apoiada tamén polos corsos de Corsica Nazione, ou depositar nas urnas unhas papeletas que reclamen o “respecto e recoñecemento dos nosos dereitos como pobo”.

Pola súa parte, os independentistas bretóns de Emgann están a repartir papeletas co lema “somos unha nación. Temos o dereito de decidir”. Ao mesmo tempo, o Partido Bretón, de recente creación, limítase a expresar que non pode confiar en ningún dos dous candidatos e a valorar positivamente os resultados do centrista Bayrou, que “expresan a necesidade de renovar o sistema político”. Porén, os socialdemócratas da Unión Democrática Bretona xa anunciaron a súa intención de apoiar a Royal xa que cren que loitará polo desenvolvemento da identidade da Bretaña.

En Córsega non pensan o mesmo da candidata socialista á que acusan de obviar a situación insular na única visita realizada durante a campaña o que deixa ver que “non é a súa preocupación principal”. De Sarkozy aseguran que xa deu boa proba da súa postura en relación aos nacionalismos en “materia de represión”.


3.33/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: