Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Esta fin de semana

Dúas historias de amor nos teatros composteláns

O clásico dos clásicos dende unha perspectiva contemporánea, o 'Romeo e Xulieta', onde o amor remata en morte de Teatro do Noroeste, no Principal. E na sala Nasa, unha historia de odio que se converte en amor entre Adolfo de Hit e Francisco Frango.

Redacción - 13:01 29/03/2007
Xúlio Abonjo é Fito e Goldi é Paco en 'Hendaya, mon amour'

Xúlio Abonjo é Fito e Goldi é Paco en 'Hendaya, mon amour'

Este xoves trae dúas montaxes nas que a paixón entre bandas enfrontadas (e despois entre dous bandos aliados) é a protagonista. A sala Nasa acolle dende o xoves até o domingo ás 22.00 a estrea da última montaxe da Bacana Producións: Hendaya mon amour é unha delirante comedia musical interpretada por Xúlio Abonjo, como Adolfo de Hit (Fito) e César Goldi como Francisco Frango, Paco. O prezo das entradas é de 8 €, 6 para estudantado, persoas no paro e para quen obteña as entradas a través da web, e 4 para a "tripulación". Bacana xa leva un historial de comedias musicais ás súas costas: Ratman e Bobyn no 2002 e Os fillos de Eva no 2004, e agora estrea esta peza, na que "o amor acaba co fascismo": twist, hip-hop, balada romántica, copla ou o pop máis pop adubían a “meirande historia de amor endexamais contada”.

Xúlio Abonjo (que porá o bigote de Fito) comezou a traballar no 94 en televisión, cine e teatro: “Galicia Expréss”, “Terras de Miranda” ou “Cuarto sen ascensor” déronllo a coñecer ao gran público. Filmes como O ano da garrapata, de Jorge Coira ou O lapis do carpinteiro, de Antón Reixa, contaron coa súa interpretación, e ten subido ás táboas con Bacana, coa Aula de Teatro da USC e co Centro Dramático Galego. César Goldi é xa coñecido polos seus papeis en “Mareas Vivas” ou “Cuarto sen ascensor”, O regalo de Silvia, de Dionisio Pérez Galindo ou Sei quen es, de Patricia Ferreira. Non deixa tampouco os escenarios: traballou na Rosalía, dirixida por Roberto Vidal Bolaño para o Centro Dramático Galego, ou na premiada Tío Vania, dirixida por Cristina Domínguez para Factoría Teatro.

Da Verona do século XIV á Compostela de hoxe

O destino, a acción, o amor e a morte son os catro elementos protagonistas dun drama que fala das dificultades existentes para conciliar o particular co social. Teatro do Noroeste desexa mirar esta clásica traxedia desde unha perspectiva diferente: o conflito non é entre as dúas familias dos protagonistas, senón na impulsividade propia da mocidade, e na violencia que ás veces xera. A obra shakesperiana máis versionada da historia ten agora un novo referente na Compostela dos nosos días, na que os protagonistas visten de Inditex, envíanse mensaxes de móbil e non empregan dagas para suicidárense. Como un West Side Story contemporáneo, no que son as bandas de rapaces as familias enfrontadas.

Teatro do Noroeste, que vén de arrasar con cinco premios na gala dos María Casares, bota a andar unha iniciativa na que, ademais da veterá Luma Gómez, dá visibilidade a unha nova xeración de actores: Sara Casasnovas, protagonista do Retrato de Jairo Iglesias no que namoraba a Tamar Novas, é a Xulieta deste drama. O seu Romeo está encarnado por Christian Escuredo, que ten xa feito varios espectáculos en teatro clásico. Estarán xoves, venres e sábado no Teatro Principal. O prezo é de 7 € na butaca, platea e primeiro andar, 5 na segunda planta e 3 no anfiteatro.


Documentos

3/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Christian Escuredo e Sara Casasnovas interpretan aos amantes
Christian Escuredo e Sara Casasnovas interpretan aos amantes
Outra escena de 'Romeo e Xulieta'
Outra escena de 'Romeo e Xulieta'
Sara Casasnovas como Xulieta
Sara Casasnovas como Xulieta