O equinocio que pon fin ao inverno trae consigo varias celebracións: ademais do Día Internacional pola Eliminación da Discriminación e Día da Patria Kurda, conmemóranse o Día Mundial da Poesía e o Día da Árbore. Hai unha serie de actos e iniciativas para celebralo.
Un castiñeiro. Foto: Arqueta
Na medianoite deste 21 de marzo (concretamente ás 00.07) rematou o inverno e deu comezo a primavera. O equinocio dá paso á estación na que as prantas volven florecer, o tempo é máis cálido, e os días medran até o solsticio, a noite de San Xoán. Un día tan especial foi o escollido pola UNESCO, no ano 2000, para celebrar o Día Mundial da Poesía. O 'World Poetry Day' é celebrado por todas as nacións do planeta. En Galiza, Compostela converteuse tamén, no 2001 e por iniciativa do PEN Clube de Galicia e o patrocinio da UNESCO, nunha das capitais mundiais da poesía.
Dende aquela o PEN celebra cada ano esta festa da palabra coa colaboración do Consello da Cultura e co patrocinio da Xunta. O propio Consello da Cultura, con sede no Pazo de Raxoi, en Compostela, acollerá ás 19.30 unha festa conducida por Víctor F. Freixanes e Xabier Castro. Nela participarán os poetas Helga Moreira (dende Portugal), o valenciano Carlos Marzal, a catalá Eva Rumí, e os galegos Manuel Rivas, Miguel Anxo Fernán-Vello e Luís González Tosar. Lerase tamén o manifesto que anualmente redacta o titular da UNESCO, Koichiro Matsuura (no arquivo anexo).
A poesía vén co pan
Ademais, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou na Coruña o programa 'Pan con poesía 2007’, Un ano máis, as panadarías da Federación Galega (FEGAPAN) envolven as barras e bolas de pan con poemas de dez poetas galegas contemporáneas Marilar Aleixandre, Marica Campo, Mª do Carme Kruckenberg, Pilar Pallarés, Chus Pato, Luz Pozo Garza, María Xosé Queizán, Xohana Torres, Eva Veiga e María Mariño, a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas, en 114 concellos. Presentaron a iniciativa as poetas Eva Veiga, Marilar Aleixandre e Marica Campo, o presidente da FEGAPAN, Francisco Lorenzo, e o escritor Fran Alonso, quen leu o Manifesto do Día da Poesía ‘Cinco razóns para ler a poesía’. Está previsto o reparto de 500.000 bolsas de pan, 50.000 cos versos de cada poeta, entre as máis de 1.100 panadarías de toda Galiza que participan no proxecto.
E tamén festa da árbore
E neste día no que agroma nova vida e as plantas botan flores e abrochos, hai outra gran protagonista: a árbore. O Día Forestal Mundial ou Día Internacional das Árbores conta cunha fonda tradición: dende comezos do século pasado, celébrase con actos lúdicos e didácticos, moitos deles promovidos por entidades pedagóxicas, cívicas ou concellos, coa intención de impulsar a protección e cuidado das árbores. ADEGA quere reivindicar este ano a elaboración dun Novo Plan Forestal para o século XXI, e proponnos dez xeitos de contribuír á conservación da masa forestal: