Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A norma entra en vigor este xoves

"Caza de bruxas" na prensa polaca

O goberno de Polonia obrigará por lei aos xornalistas a declarar se colaboraron ou non coa policía comunista entre 1944 e 1990, coa ameaza de seren despedidos se non o fan.

Redacción - 11:36 14/03/2007
Os irmáns Kaczynski, presidente e primeiro ministro de Polonia

Os irmáns Kaczynski, presidente e primeiro ministro de Polonia

"Colaborou vostede secretamente e con coñecemento de causa cos antigos servizos de seguridade comunistas?". A partir deste xoves, ao redor de medio millón de polacos terán que responder a esta cuestión. Unha nova lei vai obrigar a varios corpos de oficio, dende altos funcionarios a xornalistas, a declarar por escrito se colaboraron coa antiga policía política entre 1944 e 1990.

Segundo os seus defensores, trátase dunha medida que pretende esclarecer un "sombrío capítulo do pasado". "Lei absurda e envilecedora", estiman os seus detractores, a maioría da intelectualidade polaca. O diario francés Le Monde recolle a información.

División na prensa

Varios xornalistas de recoñecido prestixio xa anunciaron a súa intención de non asinar o documento, elaborado minuciosamente polo partido ultraconservador Prawo i Sprawiedliwość (Lei e Xustiza), no poder dende outono de 2005. O movemento de protesta iniciouno o pasado 5 de marzo Ewa Milewicz, unha das plumas do diario socialdemócrata Gazeta Wyborcza. "Non, non cumprimentarei esa declaración", sentenciou esta antiga figura da oposición ao réxime comunista nos anos oitenta.

A lei ameaza co despido inmediato de calquera que se negue a responder á pregunta. Porén, a prensa non é unánime no veto desta lei. O xornal conservador Dziennik sinala que moitos xornalistas se van escudar tras o pasado glorioso de Ewa Milewicz para eludiren a lei. Ademais, as redaccións da radio e televisión públicas xa manifestaron que cumprimentarán o formulario sen ningún tipo de problema.

"Descomunistación"

Na clase política a situación é similar. Os socialdemócratas denigran con firmeza a nova lei, mais o principal partido da oposición, Platforma Obywatelska (Plataforma cívica, de dereita liberal), apoia a decisión do partido de goberno. O seu deputado Pawel Spiewak advertiu recentemente aos xornalistas de que non se colocasen "por riba da lei".

Esta nova norma foi un dos proxectos estrela do programa electoral dos xemelgos Jarosław e Lech Kaczynski, dentro da súa estratexia máis global de "descomunistación". A lexislación precedente unicamente obrigaba aos altos funcionarios, aos deputados e aos senadores, así como aos maxistrados a declarar se colaboraran ou non coa policía comunista.

Caza de bruxas

A nova lei estendeu o seu campo de aplicación a xornalistas dos medios de comunicación públicos e privados, aos dirixentes das empresas públicas, aos directores das escolas estatais e privadas, aos reitores e profesores das universidades, aos concelleiros, e aos avogados e aos notarios. Quedan excluídas as persoas nacidas despois do 1de agosto de 1972.

"O grande proxecto dos irmáns Kaczynski de depurar Polonia dos seus elementos comunistas está a evolucionar cara unha tentativa de vinganza contra certos medios, particularmente contra aqueles cos que están en conflito", sinala o politicólogo Jacek Kucharczyk, vicedirector do Instituto dos Asuntos Públicos, en Varsovia.

Unha vez cumprimentadas, as declaracións pasarán a formar parte do Instituto da Memoria Nacional, que alberga os arquivos dos antigos servizos de seguridade. Este publicará nun período breve de tempo a lista cos nomes de todos os colaboradores e funcionarios da policía política comunista.


Ligazóns

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: