O goberno de Lula da Silva ten a intención de modificar o plan que regulamenta o dereito de folga dos traballadores, para evitar os "abusos" dalgúns sectores públicos. As centrais sindicais rexeitan a proposta, que implicaría prohibir que aqueles considerados esenciais puidesen parar.
O goberno de Brasil quere introducir un cambio no regulamento do dereito á folga recollido na Constitución, para prohibir as paralizacións en sectores públicos esenciais. Así o anunciou a pasada semana o ministro do Planejamento, Paulo Bernardo, que en vindeiros días se vai sentar a negociar a proposta cos principais sindicatos do país. Estes xa amosaron o seu rexeitamento ao plan.
"Cumpre preservar o dereito dos funcionarios, mais tamén os intereses da sociedade; nalgúns sectores, a folga ten que ser prohibida", manifestou Bernardo logo da xuntanza mantida co presidente do goberno, Luiz Inácio Lula da Silva, no Pazo de Alvorada. Porén, non especificou a que sectores afectaría a medida.
Críticas dos sindicatos
Pola súa banda o secretario xeral da Confederação dos Trabalhadores no Serviço Público Federal, Condsef, Josemilton Costa, criticou a proposta do Executivo. "Nin con gobernos conservadores xurdiu unha lei que impedise aos operarios exercer o seu dereito de facer folga", sinalou. Costa criticou a posición do goberno, "que di ser democrático, popular e progresista, mais é con quen acontecen os maiores ataques aos dereitos dos traballadores".
O presidente da Central Única dos Trabalhadores CUT, Artur Henrique da Silva Santos, cualificou a medida de inconstitucional. No mesmo senso pronunciouse Cezar Brito, máximo representante da Ordem dos Advogados do Brasil, OAB: "Calquera medida que se aprobe, limitando ou restrinxindo o dereito de folga no país, fere a Constitución". Segundo este, é posíbel a aprobación dunha lei que regulamente as paralizacións dos funcionarios, sen que teña que haber limitacións.
"Hai abusos"
Lula da Silva denunciou na pasada sexta feira que "hai abusos" nalgunhas paralizacións, e que a iniciativa do goberno que dirixe conta co respaldo da 151ª convención da Organização Internacional do Trabalho, OIT, á espera de que sexa ratificada polo Congreso.