A obra humorística Una noche con Gabino, protagonizada por Gabino Diego, abre a programación cultural do segundo cuadrimestre da Universidade de Vigo. A oferta, que pretende acadar o difícil equilibrio entre tradición e vangarda, inclúe practicamente todas as vertentes do espectáculo: música, teatro, danza e animación ao aire libre, con artistas do país, da Península e de todo o mundo.
Gabino Diego
A cita co actor madrileño será ás seis e media da tarde no teatro da Cidade Universitaria. O día 7 continúa a programación co teatro e a danza de Niño Costrini, ás dúas da tarde no centro comercial. O día seguinte, no campus vigués presentarase unha das obras incluídas no festival alternativo de teatro e danza de Vigo ALT 07. Serán Los Corderos, grupo catalán que poñerá en escena Crónica de José Agarrotado (menudo hijo de puta). Tamén será ás seis e media da tarde.
Durante os meses de marzo, abril e maio pasarán pola universidade Os Carunchos (26 de abril) e Ruote (10 de maio), integrados no circuíto de música tradicional 4x4, da Consellería de Cultura. Haberá tamén concertos de La Habitación Roja, o 14 de marzo, e, dentro do festival Sonora 07, o 11 e o 12 de abril, actuarán Abraham Boba, Micah P. Hinson, The Wave Pictures e Darren Hayman.
O apartado teatral complétano os cómicos Mofa e Befa, o 21 de marzo, e os espectáculos de rúa de Manolo Carambolas (15 de marzo), Hermanos Inconfundibles (22 de marzo), Peter Punk (25 de abril) e Álex Navarro (3 de maio).