O orgullo nos ollos de Yeshkebede é un orgullo coñecido. Agora só lle quedan 30 euros por pagar dos 300 que pediu, vive con folgura, estuda ao seu irmán e ten 78 euros aforrados. Entra con sobresaínte na lista das mulleres empresarias de éxito. Na lista da esperanza pequena que se fai grande. E máis grande sería se as posibilidades fosen maiores. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.
Queixas do grupo
Cando os seus rostros baixan cheos de suor polos camiños coa leña, a auga ou a semente ao lombo a súa imaxe fíreme as pupilas. Ata as meniñas carretan a súa carga como se fose algo dado coa vida, algo que non hai máis remedio que facer. Mais agora, cando teñen a palabra e poden falar o seu problema máis importante leva impreso as pegadas desas rúas e camiños. "Non temos tempo para descansar". Ese dereito humano esquecido da metade da humanidade.
Na lista das empresarias de éxito
O orgullo nos ollos de Yeshkebede é un orgullo coñecido. Amosa con ledicia todos os mobles e aparellos domésticos que puido mercar desde que comezou no grupo de aforro o crédito. A súa historia é das que levan marcado o reto da superación persoal co apoio das demais mulleres. Leva o nome da solidariedade e da intelixencia que precisa vías de expresión. Yeshkebede, divorciada e con toda unha familia ao cargo (a súa mai, os seus irmáns), entrou no grupo e non se conformou con comezar algún pequeno negocio senón que chegou a presentarse á contrata da cafetería da escola primaria e conseguiuna. O crédito que recibiu permítelle pagar sen problema o alugueiro do local, puido mercar os materiais suficientes para poñer en marcha a súa actividade. Agora só lle quedan 30 euros por pagar dos 300 que pediu, vive con folgura, estuda ao seu irmán e ten 78 euros aforrados. Entra con sobresaínte na lista das mulleres empresarias de éxito. Na lista da esperanza pequena que se fai grande. E máis grande sería se as posibilidades fosen maiores.
O impensable que agora é
A mañá comeza cunha nova visita a Wurguessa. Agárdanos Rahamat na súa casa, co seu vestido tradicional, orgullosa do xeitoso que está todo, das tres camas que conseguiu mercar grazas aos eu negocio de venda no mercado. Madía leva o esforzo. Tres días por semana vai dun mercado a outro, atarefada. Pero págalle a pena porque os seus cinco fillas e fillos estudan. E non só iso. O seu home perdeu o traballo e ela agora alúgalle de cando en vez unha máquina de coser para que teña ocupación. Quere mercarlle unha cando teña cartos. Sorrío ante o impensable da situación hai pouco tempo. O impensable que agora é.
Traballo con orgullo
A WSO ten uns 80 grupos de aforro e crédito que se puxeron en marcha de forma case autónoma. Sen cartos, sen persoal. O programa piloto de IND axudou a dar fondos ás federacións de asociacións (CLAs) e contribuíu á alfabetización de varios grupos. A organización paga cos cartos que ten para gastos administrativos o salario dun par de animadoras que asisten aos grupos na xestión, que lles dan orientación ata que poden saír adiante. Unha destas persoas é Shomaye. Ela é consciente dos problemas e desafíos das mulleres dos grupos, ela, unha veciña orfa que conseguiu estudar e pode orientalas. "Vexo os cambios nas vidas das mulleres. Eu tamén son unha muller e síntome moi orgullosa delas".
Anteriores: