Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA – 19

Triste hotel

Fáltanme as palabras para describir a dor punzante que me provoca unha sociedade (todas as do mundo) que permite que as mulleres se poidan comprar con cartos. Logo xa temos aos inspirados bardos tipo Sabina para cantar as marabillas da vida das prostitutas (previo uso, claro). María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 07:15 05/09/2006
Tags:

Xaxún involuntario
En Mersa case non hai que comer. A carne estes días resulta difícil de atopar porque os ortodoxos están nun dos seus xaxúns (o cal quere dicir que só comen vexetariano, e para iso sempre a mesma comida) e mesmo se o 90% da poboación desta zona é musulmana, os restaurantes están en mans dos cristiáns e non hai xeito de comer algo que non sexa shiro (unhas lentellas), tagabino (pasta tamén de lentellas) ou beiyenatu, o combinado de comida vexetariana. En calquera caso a miña convivencia co país do mundo vexetariano por excelencia faime sentir dalgunha maneira tamén na casa con estas restriccións involuntarias.

Triste hotel
Na noite o hotel está cheo de música, de chat e de raparigas. Ao longo de toda a rúa principal que é Mersa avanzan os prostíbulos. Son bares aparentemente como outros calquera a maioría, algúns mesmo serven comidas. Na parte de atrás, carne. O noso está concorrido. A hixiene non é problema, nin a falta de comodidades. Isto si. Angústiame esta violencia que me rodea e a degradación que xera. Fáltanme as palabras para describir a dor punzante que me provoca unha sociedade (todas as do mundo) que permite que as mulleres se poidan comprar con cartos. Logo xa temos aos inspirados bardos tipo Sabina para cantar as marabillas da vida das prostitutas (previo uso, claro). Se tan romántico e bucólico resulta, que se dediquen os homes a prostituírse e nós cantamos, Sabina. Que intolerable.

En Wurguessa
A uns quilómetros de Mersa está Wurguessa. Aquí tamén a WSO ten grupos de aforro e crédito. Moitos deles organizáronse de xeito espontáneo e a organización dálles apoio técnico. O Beleta leva un ano funcionando. A maioría das mulleres dedícanse á venda nos mercados. Din que os homes as apoiaron para que iniciasen o grupo porque entenderon que así serían libres dos prestamistas que cobran máis dun 100% de interese. Apoiar deste xeito intereseiro non resulta difícil. Iso si, ninguén os previu dos cambios que estaban por chegar. Subversión en estado puro.

Anteriores:


0/5 (0 votos)