Cando as vexo reunidas, co seu uniforme e as caras animadas entendo que desde entón pasaron cousas. Falan coma unha fervenza. Da compañeira que se puxo enferma e á que todas apoiaron nos gastos médicos ata que non se puido facer máis por ela, da posibilidade de mandar agora aos fillos e fillas ao colexio, das clases de alfabetización que as levaron á luz. O seu ánimo contáxiame e emocióname. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.
De volta
Despois dun día e medio de viaxe estamos en Mersa. Malia a que Aman, o director da Women Support Organisation comentara que dende que estiven a última vez abriran varios "hoteis" acabamos no mesmo que gardo no meu recordo. A ducha segue tendo a porta chea de furados, o baño é un burato infesto. Os cuartos teñen unha cama e a limpeza queda fóra do diccionario. Porén, o peor deste lugar pouco ten que ver con todo isto. Mesmo se a estas horas é escasamente perceptible.
Aniversario
Danos tempo breve a comer antes de marchar ao que eu pensaba que era unha xuntanza dun grupo. En realidade cando chegamos hai un grande despregue e eu temo que sexa algún tipo de benvida desas que non tolero. Por fortuna as mulleres explican rapidamente que o despregue vén a que un grupo celebra o seu primeiro aniversario, que non ten nada que ver coa nosa visita. Un pouco máis tranquila asisto á cerimonia do café.
A celebración é tamén para as demais integrantes dos grupos de aforro da zona. A secretaria das que celebran le un informe sobre o grupo (nel mencionan o aforro, os créditos que levan dado ata o momento, a súa evolución). Logo tocan as preguntas e comentarios das demais. Os consellos das que levan tempo. Aquí non hai contemplacións. Sinálanse os problemas (neste caso, por exemplo, as mulleres non chegaran a acumular moitos cartos porque non se decidiran a tomar préstamos de certa contía), analízanse entre todas e danse palabras de ánimo.
É un ambiente sincero e relaxado onde se poden facer críticas sen que ningunha se sinta ofendida xa que todas están para aprender, para apoiarse, para crecer. Síntome como na casa, ese é o ambiente de IND.
Tempo que pasa significativamente
Cando entro no barrio, afastado do resto, como os intocables da India, sei que toca un reencontro. As mulleres de Addis Hiwot están reunidas nun pequeno adro común. A súa é unha comunidade desprazada pola guerra con Eritrea. Lembro a súa situación precaria de hai tres anos. O único que tiñan eran as casas (cos tellados a caer) que unha ONG lles fixera. En Eritrea traballaban nunha piscifactoría. Chegaron a Mersa sen nada. Cando as vexo reunidas, co seu uniforme e as caras animadas entendo que desde entón pasaron cousas. Falan coma unha fervenza.
Da compañeira que se puxo enferma e á que todas apoiaron nos gastos médicos ata que non se puido facer máis por ela, da posibilidade de mandar agora aos fillos e fillas ao colexio, das clases de alfabetización que as "levaron á luz". Todas puideron acceder a crédito e comezar os seus propios negocios. Queren poñer en marcha un centro de venda xuntas na estrada principal. O seu ánimo contáxiame e emocióname.
Tenagne
A Tenagne recoñézoa inmediatamente. Non só porque a recordo coa meniña en brazos da outra vez senón porque a teño visto nas fotos do proxecto. Estivo contratada mentres durou a iniciativa piloto para dar as clases de alfabetización. A neniña segue no seu colo. En realidade ten trece anos. Semella ter dous. A súa discapacidade é moi grave. Por se isto non fose pouco, agora ten un enorme prolapso no abdome. Tenagne relata como grazas ao grupo puido levar á meniña ao médico. Cando a ían operar do prolapso fixéronlle unha analítica e detectáronlle falta de tiroxina (se cadra a razón de todos os seus problemas, non sei por que son necesarios trece anos para comprobalo). Hai que poñerlle unha inxección cada mes que custa uns 190 birr (19 euros). Tenagne non sabe como facer fronte a ese gasto. Algo hai que facer.
Anteriores: