Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DESDE ETIOPÍA – 16

Non máis impunidade

As mozas e os mozos organizan sen ningún recurso programas para os nenos, sensibilización sobre cuestións de xénero, sobre a SIDA. Parécenme esforzos sobrehumanos. É doado pensar na roupa de marca e no fútbol cando se vive moi cómoda. Eu sigo convencida de que á xente, moza ou vella, hai que incomodala. Na cabeza. María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento escribe para Vieiros desde Etiopía.

- 07:13 28/08/2006
Tags:

Diluvios
O xoves mence co diluvio universal. Temos prevista unha visita a mocidade dos suburbios coa Women Support Organisation (WSO), a outra ONG coa que leva colaborando IND desde hai tres anos. Con ela marcharemos á montaña dentro de dous días, hoxe toca visita a un pequeno programa de apoio a rapazas e rapaces orfos ou desprotexidos. Queren que lles axude a artellar algo máis complexo. A choiva éntranos por todos os poros, tamén as súas experiencias.

Miradas tristes
No cuarto de Firikter entra auga polas esquinas pero ela está contenta. Ata hai pouco vivía da caridade. En WSO axudárona a formarse e aos seus vinte anos ten un posto de patacas fritas na rúa que lle dá para vivir dignamente e ser independente. A ledicia na súa cara contrasta coa seriedade de Ayalash. Cando comezo a falar con ela comenta os seus plans de negocio despois da formación, o seu traballo polo momento en dúas cafeterías para poder sacar cartos para o curso que vén (ten 20 anos e segue estudando)... Pregúntolle pola vida que levaba antes. Fala de como veu desde a aldea cun tío, de como escapou da súa casa e acabou na rúa. Nunha escola recollérona e os mestres e mestras fixéronse cargo dela. Cando lle pregunto por que escapou da do seu tío comenta brevemente que tivo problemas. Na súa cara vexo algo coñecido. Algo das nenas do refuxio de OPRIFS, algo que non se borra só cunha actividade económica. Aquí cómpre algo máis e tomo nota.

Incomodidade
En IND levamos un ano longo tentando poñer en marcha un programa con asociacións de mocidade e centros de ensino para crear grupos de mozas e mozos que traballen o tema da cooperación e a pobreza. A idea era poñelos en contacto coas asociacións de mocidade de Etiopía e da India. O primeiro intercambio de información xa comezou... sen as galegas, sen os galegos. Cando entro no local da asociación de mocidade do Gharji, un suburbio de Addis, éntrame certa carraxe. As mozas e os mozos organizan sen ningún recurso programas para os nenos, sensibilización sobre cuestións de xénero, sobre a SIDA. Parécenme esforzos sobrehumanos. É doado pensar na roupa de marca e no fútbol cando se vive moi cómoda. Eu sigo convencida de que á xente, moza ou vella, hai que incomodala. Na cabeza.

Choiva e lapas no corazón
Mentres en Etiopía as inundacións matan a 200 persoas e en Addis chove a fame, de Galicia chegan noticias de lapas e destrución. As novas atóranme de rabia e desolación. Unha sensibilidade non anula a outra, todo o contrario. En Addis chove pero en Etiopía hai tamén deserto e deforestación. Galicia morre se nos morren as árbores, os montes. Que somos senón? As árbores tardan máis en crecer cás persoas, non entendo por que matar unha (tantas) se permitiu ata o de agora con impunidade. NON MÁIS IMPUNIDADE.




Anteriores:


0/5 (0 votos)